Ir o contido principal

O SNL publica os ‘Termos esenciais de avaliación de tecnoloxías sanitarias’

“O feito de que se centrase nas ciencias da saúde, que non contase con versión en galego, e que fose posible reaproveitar os contidos existentes para construír un produto novo, animounos a elaborar desde o Servizo de Normalización Lingüística estes Termos esenciais de avaliación de tecnoloxías sanitarias”, explican dende o SNL. Imaxe de arquivo dun laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite
“O feito de que se centrase nas ciencias da saúde, que non contase con versión en galego, e que fose posible reaproveitar os contidos existentes para construír un produto novo, animounos a elaborar desde o Servizo de Normalización Lingüística estes Termos esenciais de avaliación de tecnoloxías sanitarias”, explican dende o SNL. Imaxe de arquivo dun laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite
O Servizo de Normalización Lingüística da USC inaugura con este traballo un novo xeito de difundir os glosarios a través dunha interface que consulta directamente contra os propios datos

O Servizo de Normalización Lingüística da USC acaba de publicar a versión galega do HTA Glossary, elaborado pola Rede Internacional de Axencias para a Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias (INAHTA) e a rede de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias internacional (HTAi). O glosario pode consultarse en aberto dende o web do SNL

A avaliación de tecnoloxías sanitarias é unha disciplina dedicada a analizar sistematicamente a eficacia, seguridade, custo-efectividade e outros aspectos relevantes social e eticamente dunha tecnoloxía sanitaria para os pacientes, a cidadanía e o sistema sanitario. Aínda que se integra dentro das ciencias da saúde, polo seu carácter transversal, emprega conceptos doutras disciplinas, como a estatística, a economía, a socioloxía ou o dereito. A partir de 2006, a INAHTA —entre as que se encontra a galega Avalia-t—, HTAi e outros colaboradores comezaron a desenvolver o HTA Glossary, un dicionario multilingüe que ten como obxectivo declarado fornecerlles un vocabulario común ás persoas que traballan neste ámbito da investigación. Ese dicionario conta nestes momentos con versións en inglés, francés, español, alemán, portugués e ruso, e ofrece os seus contidos con licenza Creative Commons (CC BY-NC-SA).

“O feito de que se centrase nas ciencias da saúde, que non contase con versión en galego, e que fose posible reaproveitar os contidos existentes para construír un produto novo, animounos a elaborar desde o Servizo de Normalización Lingüística estes Termos esenciais de avaliación de tecnoloxías sanitarias”, explican dende o SNL. “Para iso, reutilizamos a información lingüística en español, inglés e francés do HTA Glossary, así como a súa clasificación temática. E a partir de aí, incorporamos os equivalentes e as definicións en galego, estas últimas reelaboradas na maior parte dos casos a partir das que se ofrecen en inglés ou español no mesmo HTA Glossary”, engaden.

Con estes Termos esenciais estréase tamén un xeito de difundir os glosarios xa que no canto de ofrecer un ficheiro en .pdf para realizar as buscas, deseñouse unha interface que consulta directamente contra os propios datos. Isto permítelle a quen consulta afinar moito máis a súa busca, aproveitando as opcións de filtraxe e ordenación da información. “E a nós permítenos manter o control do glosario e xestionalo como un produto vivo, que pode ser revisado e actualizado con novos termos sempre que cumpra”, matizan dende o SNL. O desenvolvemento informático do traballo realizouno o Centro de Datos e Procesos da Universidade de Santiago de Compostela. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.03.2025.