O valor socioeconómico e ambiental das frondosas, a análise nun foro técnico na EPS de Enxeñaría do Campus Terra

O potencial das frondosas autóctonas de Galicia nos ámbitos económico, social e ambiental, así como a súa posible contribución ao desenvolvemento do sector forestal e, nun senso máis amplo, do medio rural galego, será obxecto de análise e debate no marco dun foro técnico promovido polo grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) da USC xunto coa Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia que se desenvolverá de xeito presencial o sábado 6 de novembro na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC.
A xornada ‘Valorización de Frondosas Autóctonas’ constitúe unha nova acción de transferencia de coñecemento, así como de divulgación e demostración, a través da que o grupo de investigación Proepla pretende poner o foco nas causas que impiden concretar o potencial que agochan as frondosas auctóctonas en Galicia, segundo sinalou o catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC e coordinador de PROePLA, Manuel Marey. Daquela, alén de consideracións teóricas, este foro servirá para amosar exemplos prácticos, factibles e reais nos que fai visible o aproveitamento sostible da madeira e dos recursos que proporcionan as masas de frondosas de Galicia.
O coordinador de PROePLA sinalou asemade que esta xornada permite, unha vez superadas as limitacións derivadas da pandemia, continuar a estreita relación que de sempre mantivo este grupo de investigación da USC cos sectores productivos agrarios máis importantes para Galicia. Daquela, engade Marey, o foro ‘Valorización de frondosas autóctonas’ axudará a incrementar o coñecemento sobre a xestión de masas de frondosas e o seus múltiples aproveitamentos, ao tempo que pode animar a posta en marcha de novos proxectos con estes obxectivos.
Programa e inscrición
O programa da xornada ‘Valorización de frondosas autóctonas’, un foro dirixido a técnicos, estudantes universitarios, industriais, propietarios ou xestores forestais de forma específica, pero tamén aberto a toda a poboación interesada nas frondosas caducifolias, contempla diversas sesión expositivas que se desenvolverán na EPS de Enxeñaría de Lugo en quenda de mañá, de 10.00 a 14.00 horas. Pola tarde, as persoas participantes poderán visitar o obradoiro de instrumentos musicais Xaneco, en Outeiro de Rei, ou as instalación do serradoiro Maderbar, en Baralla.
O técnico forestal da Junta de Castela e León Froilán Sevilla abrirá a quenda de intervencións nesta xornada cunha exposición sobre a frondosas na cornixa cantábrica. De seguido, Gonzalo Piñeiro, da Asociación A Monte moderará unha mesa de debate sobre madeira na que intervirán como relatores investigadores da USC, así como representantes da Asociación para a Valorización das Frondosas en Galicia (A Monte) e das empresas Xaneco obradoiro, Domohomo arquitectura, Maderbar e da sociedade cooperativa Madefón. O subdirector xeral de Medio Rural, Jacobo Aboal, pechará o programa ás 14.00 horas.
As persoas interesadas en tomar parte nesta xornada formativa e de divulgación sobre frondosas autóctonas poden formalizar de balde a súa inscrición a través do formulario habilitado en liña na páxina web www.proepla.com. Tamén se pode obter máis información ao respecto do programa a través dos enderezos de correo electrónico xbru%C3%B1a [at] xunta.gal (xbruña[at]xunta[dot]gal) e manuel.marey [at] usc.es (manuel[dot]marey[at]usc[dot]es) ou do número de teléfono 982 828 622.