Ir o contido principal

A spin-off do Campus Terra TimberSoul by Cándido Hermida SL comeza en xaneiro a súa actividade

Participantes no acto de constitución da Spin-off TimberSoul by Cándido Hermida SL
Participantes no acto de constitución da Spin-off TimberSoul by Cándido Hermida SL
A firma de innovación tecnolóxica agromada en Pemade da USC no marco do Life EcoTimberCell e co apoio do grupo Cándido Hermida busca poñer en valor a madeira local
Lugo

A spin-off do Campus Terra da USC TimberSoul by Cándido Hermida SL comezará en xaneiro ea súa actividade empresarial a prol da posta en valor da madeira local a través da incorporación ao mercado de produtos estruturais celulares ecolóxicos ETC, segundo se puxo de manifesto no acto de constitución desta nova empresa de innovación tecnolóxica agromada na Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) no marco do programa Life EcoTimberCell, unha sesión celebrada na sede empresarial de que dispón o Grupo Cándido Hermida no polígono de Narón.

A creación da empresa TimberSoul by Cándido Hermida SL dá resposta a un dos compromisos xa contemplados no Life EcoTimberCell, unha ambiciosa iniciativa orientada a avanzar na progresiva substitución de produtos derivados de industrias de uso intensivo de enerxía, tal e como é caso do emprego de formigón ou aceiro na construción, por elementos e materiais sustentables de baixa pegada de carbono que contribúan á fixación de carbono a longo prazo, como o son os sistemas EcoTimberCell (ETC) elaborados con madeira local certificada, obtida dos montes da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

TimberSoul, que ten como socios traballores fundacionais a Andreina Mitsai Vargas Carrión, Begoña Jiménez Urquía e Martín Moreda García-Echave, e conserva unha estreita ligazón con Pemade a través da participación dos investigadores María Portela e José Antonio Lorenzana, nace co obxectivo de ofrecer un servizo integral de asesoramento e comercialización de sistemas estruturais celulares ecolóxicos.

As prioridades de TimberSoul abranguen desde o posicionamento de produtos ETC como sinónimo de calidade e innovación, a promoción e concienciación sobre o uso da madeira como alternativa ecolóxica en construción, a proporción de ferramentas que faciliten o emprego de produtos ETC ata a promoción da transferencia da innovación no sector da construción en madeira. Daquela, esta nova spin-off do Campus Terra da USC xurdida na Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural da EPS de Enxeñaría traballará a prol de conectar a profesionais da construción con industriais do sector especialistas na edificación en madeira, a fin de acadar construcións sustentables que permitan mitigar os efectos do cambio climático.

Crecemento do sector

A empresa xorde nun momento clave no que a construción en madeira atópase en crecemento exponencial e supón unha vantaxe para a edificación de consumo case nulo. A  aposta  competitiva  dos produtos  de madeira EcoTimberCell  fundaméntase,  desde un punto de vista estrutural, na prefabricación e na súa concepción alixeirada e como parte activa da envolvente térmica, baixo etiqueta eco, na redución de ligantes artificiais xunto coa revalorización das materias primas.

A pretensión dos promotores de TimberSoul by Cándido Hermida SL non é a de ser un simple comercializador de produtos, senón converterse nun axente activo no sector,  defensor do medioambiente e dunha construción máis sustentable, grazas a un equipo técnico multidisciplinar con experiencia en edificación en madeira estrutural e implicado, desde a investigación, no desenvolvemento dos produtos EcoTimberCell.

Unha vez formalizada a constitución da firma TimberSoul, esta nova iniciativa empresarial de innovación tecnolóxica fixará a súa sede no polígono de Narón, a carón do grupo Cándido Hermida, a fin de favorecer así as sinerxías entre as distintas divisións dun conglomerado empresarial especializado na creación de espazos e instalacións con madeira, metais e novos materiais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.12.2021.