A terceira edición do FacomFest amosará o talento da mocidade galega no eido da creación audiovisual

O festival de contidos audiovisuais Facom Fest regresa entre o 25 e o 28 de novembro cunha terceira edición organizada polo estudantado de cuarto curso do grao de Comunicación Audiovisual da USC que, co apoio da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura, busca achegar á cidade un espazo de encontro no que integrantes da comunidade estudantil poidan dar a coñecer as súas obras e, deste xeito, resaltar o traballo e o talento da xuventude galega en materia audiovisual.
O prazo de inscrición remata o martes 5 de novembro e a participación no Facom Fest está aberta a estudantado matriculado en calquera universidade ou centro de formación galego, independentemente dos estudos que estea a realizar. As obras poderán presentarse a unha das dúas seccións que conforman o Facom Fest: a competitiva, con tres categorías –Ficción, Non Ficción e Videoclips– nas que a vitoria vai acompañada dunha compensación económica; e a non competitiva, destinada unicamente á exhibición das obras. Toda aquela persoa que estea interesada en participar debe inscribir a súa obra a través dun formulario dispoñible nas redes sociais do festival e na súa páxina web.
As obras adscritas á modalidade competitiva serán valoradas por un xurado integrado por estudantes e profesionais do sector. Ademais das proxeccións, o festival contará con actividades formativas e eventos musicais, como xa aconteceu nas entregas pasadas.