Unha tese da USC propón unha reformulación da escultura galega moderna dos séculos XVI e XVII

“A Galicia moderna, desde o punto de vista da historia da arte e, particularmente, da súa imaxinería, estivo sempre á vangarda do seu tempo”. Deste xeito pronúnciase Marica López Calderón, unha investigadora da USC que non dubida en propoñer unha nova reformulación da escultura galega da época moderna na súa tese de doutoramento -que acaba de ser premiada pola Deputación de Pontevedra- a través do estudo dos imaxineiros Francisco de Moure (ca. 1575-1636) e José Gambino (1719-1775). “ Levaba tempo tentando rescatar unha visión da obra de ambos escultores o menos contaminada posible pola historiografía artística”, afirma. Concretamente, Marica López adianta nunha xeración tanto a introdución da linguaxe plenamente barroca en Galicia como a súa saída a partir dun vocabulario non só rococó senón tamén xa clasicista. De feito, sitúa a Francisco De Moure -autor do coro da Catedral de Lugo (1621-1624), “ primeira obra plenamente barroca”- como introdutor do barroco en Galicia e non a Mateo de Prado (autor do coro de San Martín Pinario entre 1639 e 1647), como se lle atribuía ata a data. Por outra banda, a investigadora redime a un dos principais escultores da plástica galaica “e española” do XVIII, José Gambino, que quedara “relegado ao ostracismo a favor do seu discípulo José Ferreiro”. Ata a data, a Gambino a historiografía artística o presentara como un escultor posuidor dun estilo unitario, o rococó, e incapaz de evolucionar. Pero o certo é que, como explica a investigadora, Gambino, formado en Galicia e particularmente na escola de escultura compostelá, é un escultor “na plena vangarda do seu tempo que, paulatinamente, decanta e idealiza a súa linguaxe barroca para finalmente dar un novo impulso á súa produción estilizando sobre o seu e así acentuando os recursos clasicistas”. Conclúe Marica López que José Gambino é un escultor “reputado, dos mellores deste reino de Galicia xuntoao seu discípulo e xenro José Ferreiro. En definitiva, “un dos mellores imaxineiros con que contou a plástica galaica de todos os tempos”. Marica López Marica López Calderón, licenciada en Historia da Arte pola USC, é doutora dende 2009 con mención de Doutoramento Eueropeo. Primeiro premio fin de carreira en Galicia, segundo en España, e premio extraordinario de licenciatura e de doutoramento, entre os seus recoñecementos académicos figura ademais o Premio da Deputación de Pontevedra 2010 na modalidade ‘Teses doutorais: Humanidades e Ciencias Sociais’. A súa carreira investigadora centrouna na arte monacal galega, participando nun proxecto estatal e en tres autonómicos, todos eles dirixidos por docentes da Universidade de Santiago. Neste momento participa no proxecto ‘Artífices e patróns no monacato galego: futuro, presente e pasado’ que dirixe a profesora da USC Ana Goy Diz. Xurado do Premio O xurado que lle concedeu o Premio da Deputación estivo presidido por José Juan Durán, vicepresidente e presidente da Comisión Informativa de Cultura, e composto ademais por Álvaro Xosé López Mira, Josefina Garrido e Luis Ortiz, da Universidade de Vigo; Beatriz Rodríguez, da UNED; Rosa Ana Malvar, da Misión Biolóxica de Galicia; Antonio Ballester, da Real Academia Galega de Ciencias; Xosé Carlos Valle, director do Museo Provincial de Pontevedra; Miguel Pereira; xefe do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico; Mercedes Costas, do Servizo de Cultura da Deputación, e Antonio Santos xefe dese Servizo. Marica López, autora da tese de doutoramento premiada