Ir o contido principal

Un traballo da USC, recoñecido no marco do Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións

Héctor González Vázquez posa co seu galardón
Héctor González Vázquez posa co seu galardón
Héctor González Vázquez foi premiado na categoría de persoal investigador mozo pola comunicación oral titulada ‘Un novo estimador óptimo minimax para variedades’
Santiago de Compostela

O doutorando da USC Héctor González Vázquez fíxose co premio á mellor comunicación oral presentada por persoal investigador novo na ‘modalidade B: traballos teóricos’ na edición número 17 do Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións, que tivo lugar do 23 ao 25 de outubro de 2025 en Ourense.  A organización deste foro correu a cargo do Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Universidade de Vigo e a Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións (SGAPEIO).

A comunicación de Héctor González Vázquez, titulada ‘Un novo estimador óptimo minimax para variedades’, recibiu este premio á mellor comunicación teórica, da que tamén son coautores os profesores Beatriz Pateiro López e Alberto Rodríguez Casal, os dous pertencentes á USC. O seu traballo propón un novo método para estimar a estrutura de variedade de dimensión inferior que subxace a un conxunto de datos nun espazo ambiente de dimensión maior.

González Vázquez é estudante de doutoramento no Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da Facultade de Matemáticas da USC, baixo a dirección de Beatriz Pateiro e Alberto Rodríguez. Á comunicación premiada correspondeulle un premio de 500 euros.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.11.2025.