Ir o contido principal

As transformacións sociais asociadas ao metal centran un foro do Instituto Arqueolóxico Alemán (DAI) de Madrid en Humanidades

Participantes na xornada do Instituto Arqueolóxico Alemán, na Facultade de Humanidades
Participantes na xornada do Instituto Arqueolóxico Alemán, na Facultade de Humanidades
Dopico, Villanueva e Arias abriron as intervencións da reunión científica que congrega a investigadores internacionais co relatorio ‘Galaicos e romanos no noroeste peninsular’

As transformacións sociais propiciadas polas innovacións técnicas asociadas co metal centran a temática da reunión científica organizada pola sede madrileña do Instituto Arqueolóxico Alemán (DAI) na Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC, onde arredor dunha ducia de profesores e investigadores universitarios internacionais de recoñecido prestixio participan este mércores nas distintas sesións programadas no marco dunha xornada técnica, de carácter formativo e de divulgación sobre a minería antiga.

Os investigadores do Instituto Arqueolóxico Alemán, Thomas Shattner, que preside a delegación madrileña do DAI, e Svend Hansen, acompañados da profesora do Departamento de Historia da USC Dolores Dopico, ofreceron esta mañá unha breve recepción aos participantes nesta reunión científica. O programa de relatorios deste foro, no que se afondará sobre as innovacións sociais e técnicas xeradas polo metal e a minaría desde as primeiras civilizacións orientais ata a época romana, comezou cunha intervención introdutoria a cargo dos docentes do Departamento de Historia da USC Dolores Dopico, Manuel Villanueva, así como de Felipe Arias, profesor ad honorem da Facultade de Humanidades da USC, que repasaron as achegas e as transformacións realizadas por galaicos e romanos no noroeste peninsular.

A realidade da Península Ibérica, “un laboratorio de experimentación do imperio romano”, segundo sinalou o presidente da delegación madrileña do Instituto Arqueolóxico Alemán (DAI), centra esta tarde a temática do relatorio previsto de Thomas Shattner, quen pechará coa súa intervención unha reunión científica que por vez primeira se celebra en Lugo e que mañá terá continuidade cunha visita técnica ao enclave romano de As Médulas, na provincia de León.

A profesora do Departamento de Historia da USC na Facultade de Humanidades Dolores Dopico explicou que, de xeito parello á presentación de relatorios, os investigadores participantes neste foro do Instituto Arqueolóxico Alemán tamén aproveitaron a súa estadía en Lugo para visitar a Domus do Mitreo, a Casa dos Mosaicos e mesmo para facer un percorrido polo Museo Provincial de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.10.2017.