Trócanse horas de estudo por euros para a reconstrución e apoio de escolas en Haití
A Universidade de Santiago, a través do seu Servizo de Participación e Integración Universitaria, colabora un ano máis coa Fundación Coopera e con Cooperación Internacional na IX Olimpíada Solidaria de Estudo, de maneira que dende este venres 5 e ata o 5 de decembro se permutarán horas de estudo en bibliotecas universitarias por euros. A USC foi na edición pasada a entidade que máis diñeiro recadou de todas as participantes, un total de 19.859 euros. Os cartos conseguidos –a razón de 1 euro por 1 hora de estudo- destinaranse á reconstrución da escola La Saline e ao apoio ás catro de Mains Ouvertes en Haití que o pasado ano puideron ser rehabilitadas precisamente co recadado a través deste proxecto solidario. Así, grazas aos preto de medio millón de euros da Olimpíada de 2010 os 4.000 nenos e nenas das escolas de Fontamara, La Savane, Deux Mapous e Dory puideron estudar en boas condicións e recibir unha comida diaria. O mecanismo para facer o cómputo final de horas lévase a cabo mediante a Tarxeta Universitaria de Identidade (TUI), que será preciso pasar polo ordenador preparado ao efecto cando a persoa entra e sae da sala de estudo. Non se computarán períodos superiores ás catro horas consecutivas nin menores a unha hora. En Santiago habilitáronse salas de estudo nas Facultades de Ciencias da Comunicación, Xeografía e Historia, Filosofía, Química, Matemáticas, Física, Ciencias Económicas, Filoloxía, Bioloxía, Farmacia, Medicina e Odontoloxía e Psicoloxía, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría e nas bibliotecas Xeral e Concepción Arenal. En Lugo haberá aulas nas Bibliotecas Intercentros e de Maxisterio e na Facultade de Veterinaria.