Última semana para concorrer á décimo terceira edición dos Premios á introdución da perspectiva de xénero da USC
Os Premios á introdución da perspectiva de xénero da USC alcanzan a súa décimo terceira convocatoria, mantendo as súas dúas modalidades: premios a experiencias docentes que teñan incluído a perspectiva de xénero, así como para investigacións con perspectiva de xénero. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 17 de xuño e a convocatoria, dirixida a membros e equipos do persoal docente e investigador, conta coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, como entidade co-financeira.
Esta é unha acción consolidada dentro das políticas de promoción da igualdade efectiva entre mulleres e homes a través do potencial da incorporación da perspectiva de xénero en dúas das principais facetas da actividade universitaria en materia de xeración e difusión de coñecemento, a docencia e a investigación.
A convocatoria foi seleccionada polo European Institute for Gender Equality (EIGE) como unha das dez mellores boas prácticas de ‘Integración da igualdade de xénero nas universidades e centros de investigación europeos’ de entre máis de medio centenar de toda a Unión Europea. Esta práctica está incluída na ferramenta en liña GEAR tool que serve de apoio a organizacións investigadoras coo as universidades para a creación, execución, seguimento e avaliación dos plans de igualdade de xénero.