Unirisco, un cuarto de século “achegando a Universidade á empresa”
“Unirisco é unha ferramenta para achegar a Universidade á empresa, unha pasarela para volver o coñecemento útil”. Así se referiu o reitor Antonio López Díaz á que é a primeira empresa de capital risco vinculada aos proxectos procedentes das Universidades. O Colexio de Fonseca acolleu este xoves 13, no Salón Nobre, o 25 aniversario da entidade nun acto que contou tamén coas intervencións do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela; e da directora xeral de Unirisco, Inmaculada Rodríguez Cuervo.
A sesión serviu para facer balance da historia da entidade, motivo polo cal se proxectou un vídeo coa intervención de Darío Villanueva, reitor no momento da creación de Unirisco. O profesor Villanueva definiu as universidades como “factorías de coñecemento” e destacou que a creación de Unirisco obedeceu ao que el sempre considerou unha misión esencial do sistema universitario, “a transmisión de coñecemento para xerar riqueza”. No acto tamén interviñeron Carmen Pampín, directora xeral e cofundadora de Galchimia; Julio Castro, cofundador de Palobiofarma e Oncostellae; e Maruxa Quiroga, directora e cofundadora de Tastelab, todas elas empresas participadas por Unirisco.
Dende a súa creación en 2000, Unirisco investiu en máis de 40 startups e spin-offs xurdidas de universidades e centros de investigación, consolidando sectores estratéxicos como a biotecnoloxía, saúde, alimentación, intelixencia artificial e economía circular. Cun investimento acumulado superior aos seis millóns de euros, a sociedade contribuíu a xerar emprego cualificado e a situar Galicia como referente en innovación. En palabras de Inmaculada Rodríguez Cuervo, “este aniversario reafirma o noso propósito: seguir apostando por proxectos disruptivos que nacen do talento científico e que teñen capacidade para transformar a sociedade”.
Unirisco é unha sociedade privada de capital risco participada por universidades galegas e empresas líderes, que inviste en fases temperás de proxectos científicos e tecnolóxicos con potencial global. O seu modelo único en España integra a todos os actores da cuádrupla hélice: academia, administración, empresa e sociedade.