Ir o contido principal

A Universidade australiana de Queensland nomea profesor honorario a Juan Lema

A Universidade australiana de Queensland nomea profesor honorario a Juan Lema
A Universidade australiana de Queensland nomea profesor honorario a Juan Lema

O catedrático de Enxeñaría Química da USC Juan M. Lema Rodicio acaba de ser nomeado Profesor Honorario da Universidade de Queensland (Australia), converténdose na terceira persoa que acada ese recoñecemento nesa institución, tras os profesores Mark van Loosdrecht, da Universidade de Tecnoloxía de Delft (Países baixos) e Willy Verstraete, da Universidade de Gante (Bélxica).

O profesor Lema, para quen o nomeamento supón “un recoñecemento para o noso grupo de investigación de enxeñaría ambiental e bioprocesos”, realizou este ano un período sabático no Advanced Water Management Center da Universidade australiana, un dos centros de maior prestixio internacional no ámbito de tratamento e recuperación de recursos das augas residuais. A Universidade de Queensland está clasificada entre as 50 primeiras do mundo a nivel global e entre as dez no ámbito de Enxeñaría Ambiental.

O nomeamento de Juan Lema vén avalado pola súa traxectoria académica: director da agrupación estratéxica CRETUS (Cross-Research in Environmental Technologies), autor de máis de 350 artigos en revistas científicas internacionais (índice H: 54) e de 11 patentes (5 delas europeas) e director de 54 teses doutorais. Liderou ademais a acción COST ‘Conceiving Wastewater Treatment in 2020’ (Water 2020) coa participación de 34 países e coordina a rede española Novedar_Consolider e a galega REGATA.

Os seus intereses actuais en investigación céntranse na eliminación de microcontaminantes de augas residuais, en procesos de co dixestión anaerobios, Desenvolvemento de reactores para tratamiento de aguas e biorefinería.

Entre outras distincións, o profesor Lema recibiu a European Prize A-IQS for industrial enzymes, o Premio Babcock á innovación tecnolóxica, o da Fundación García Cabrerizo á innovación científica, a Insignia de ouro da USC e a medalla de ouro de enxeñaría química da Universidade de Valladolid. Ademais, é membro honorario de CODDIQ, doutor honoris causa pola PUC Valparaíso, fellow da International Water Association (IWA) e académico de la Real Academia Galega de Ciencias.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.09.2018.