A Universidade de Santiago será o punto de partida do TechDay Tour2013
A Universidade de Santiago será o punto de partida do TechDay Tour2013, unha xornada organizada por Microsoft coa colaboración de RedEmprendia e a propia USC e dirixida a estudantes, novos/as emprendedores/as e profesionais. Na Escola Técnica Superior de Enxeñaría o martes día 8, este evento inclúe diferentes sesións temáticas, programadas en función do perfil profesional dos/as asistentes, sobre deseño de aplicacións, emprendemento e as últimas plataformas e ferramentas de desenvolvemento da compañía americana. A asistencia a todas as sesións é gratuíta previa inscrición, xa que as prazas son limitadas. Tanto a consulta do programa como a formalización do rexistro pódese realizar en web. A sesión dirixida aos emprendedores novos contará coa participación de Alfredo Bermúdez de Castro, responsable de Desenvolvemento de Negocio de RedEmprendia, que traballará cos emprendedores sobre como presentar de forma efectiva os seus proxectos e ideas de negocio. Intervirá tamén Guillermo Viña, xerente de 'Igape Nova', que dará a coñecer aos asistentes o actual ecosistema de apoio ao emprendimento que existe en Galicia e resolverá as súas dúbidas sobre os distintos programas de axudas. Esta xornada tamén inclúe a presentación de servizos e apoios de Microsoft para a comunidade emprendedora (programas BizSpark e Microsoft Ventures), testemuñas de emprendedores e unha sesión de networking. Por outro lado e dirixidas a desenvolvedores, responsables de sistemas e estudantes de enxeñería informática, programáronse sesións en torno aos servizos e ferramentas de Microsoft en áreas como xestión de centros de datos, programación e desenvolvemento de aplicacións móbiles. Precisamente orientado a estudantes, o programa DreamSpark de Microsoft ofrece acceso gratuíto a ferramentas de desenvolvemento e deseño para fines de aprendizaxe, ensinanza e investigación. O TechDay Tour 2013 de Microsoft recorrerá nos próximos meses de outubro e novembro outras cinco cidades españolas. Tras a primeira xornada celebrada en Santiago de Compostela, o evento se desprazará a Barcelona, Bilbao, Valencia, Sevilla e Logroño.