Ir o contido principal

As universidades do suroeste europeo, a Xunta e NTT Data porán en marcha un Laboratorio TIC en Galicia

O reitor da USC, Antonio López, presidiu a presentación do proxecto. FOTO: Santi Alvite
O reitor da USC, Antonio López, presidiu a presentación do proxecto. FOTO: Santi Alvite
Permitirá desenvolver iniciativas emblemáticas de dixitalización no eido natural e no cultural, como a reconstrución do Coro Pétreo da Catedral de Santiago de Compostela

A Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE), a Xunta de Galicia e a multinacional tecnolóxica NTT DATA presentaron este venres 25 de outubro unha proposta de colaboración para a posta en marcha dun Laboratorio TIC en Galicia, que se constituiría como unha plataforma de servizos avanzados para desenvolver, entre outros, proxectos de dixitalización emblemáticos. O reitor Antonio López presidiu o acto institucional de presentación, que se desenvolve no Reitorado da USC no Colexio de San Xerome.

O reitor estará acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; o reitor da UDC e secretario xeral de CRUSOE, Ricardo Cao; o presidente executivo da Secretaría Xeral Técnica de CRUSOE, Salustiano Mato, e o director científico da Cátedra Institucional de Patrimonio Cultural Dixital, Juan Castro. A delegación da multinacional xaponesa estará formada por Kenichi Kawashima, Tomoe Nakano e Ayaka Goto, que estarán acompañados polos responsables de NTT DATA no Noroeste de España (Galicia e Asturias), Alberto Borrego e Pablo Manzano.

Laboratorio TIC
O Laboratorio TIC desenvolveríase como Unidade Mixta posta en marcha pola Xunta de Galicia e planéase como un modelo de negocio para o sector turístico de colaboración público-privada e unha plataforma tecnolóxica de servizos avanzados, con acceso a tecnoloxías e capacidades dixitais de vangarda, que permitirá desenvolver proxectos emblemáticos de dixitalización en distintos ámbitos como o medio natural ou cultural, como a reconstrución do Coro Pétreo da Catedral de Santiago de Compostela.

O laboratorio podería estender o seu ámbito de actuación á macrorrexión do suroeste europeo, grazas ao acordo de colaboración alcanzado en decembro de 2023 por CRUSOE e os gobernos de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León para desenvolver un programa cuxo obxectivo principal é impulsar a reactivación económica e a xeración de emprego, aproveitando os recursos do patrimonio cultural e natural do sur de Europa.

Así, impulsaría proxectos dixitais nas catro comunidades autónomas que permitan un impacto positivo no desenvolvemento económico, a diversidade cultural, a creatividade, a innovación e a resiliencia económica de todos os territorios. Así mesmo, no ámbito da formación e, a través da colaboración coa rede de universidades de CRUSOE, búscase fomentar as capacidades de capital humano con estudos de posgrao internacionais, como un Erasmus + coa UNAM de México e a Universidade de Toquio, co obxectivo, entre outros, de promover ata 100 novas spinoffs vinculadas ao Laboratorio TIC.

Cátedra
O acto institucional deste venres dálle continuidade á colaboración entre CRUSOE, a Xunta e a multinacional xaponesa, a través da Cátedra Institucional no ámbito da dixitalización, creada en marzo de 2023. A creación da Cátedra, impulsada pola Xunta, CRUSOE e NTT DATA, permitiu formalizar diversas propostas de participación en proxectos europeos, e a posta en marcha do Mestrado Interuniversitario de Patrimonio Cultural Dixital que este curso comezou a súa segunda edición na USC e a UDC.

A partir do ano 2025, preténdese establecer un acordo no que desde a Cátedra se articulen actividades docentes no ámbito universitario e de FP dual que permitan a introdución das novas técnicas en dixitalización na formación. Así mesmo, impulsarase a investigación e a innovación. A Cátedra será o marco no que se preparará a posta en marcha da unidade mixta que permitirá crear o laboratorio TIC en novas tecnoloxías da dixitalización.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.10.2024.