A USC achegará a civilización exipcia ao visitante que acuda á Igrexa da Universidade
Froito do convenio asinado entre a USC e a Fundación Caixanova e precedida polo éxito no seu paso por outras cidades galegas así como Logroño e Porto, chega a Compostela a mostra ‘Vida e morte no Antigo Exipto. Da arte faraónica ao Faro de Alexandría’, coa que se espera acadar a cifra de 200.000 visitantes. A exposición, organizada por Caixanova coa colaboración especial da Fundación para la Investigación y la Divulgación del Antiguo Egipto (FIDAE) e a Fundación Dinastía Vivanco, inaugurarase o martes, día 30, na Igrexa da Universidade, onde poderá visitarse ata o 4 de marzo.
Na súa sede da USC recolleranse arredor de 300 obras, entre pezas e gravados, procedentes de diversas coleccións particulares de España, que permitirán dar a coñecer a historia da civilización exipcia. A mostra componse de varias seccións que arrincan co descubrimento de Exipto, con gravados de época feitos por viaxeiros e artistas que formaban parte de expedicións internacionais tan frecuentes no século XIX e que teñen o valor de recoller imaxes de templos que xa desapareceron.
O resto das seccións permiten realizar un percorrido cronolóxico coa finalidade de coñecer obxectos da vida cotiá, a arte, os costumes funerarios, a historia ou a relixión. Inclúe tamén aspectos da cultura copta –esquecida frecuentemente neste tipo de mostras- e que ten un importante valor xa que é a dos primeiros cristiáns en Exipto, sen esquecer que aspectos da súa arte terán gran influencia en Occidente.
A mostra, cuxa montaxe comeza este mércores, ten como obra destacada unha reprodución de 2’5 metros de altura do Faro de Alexandría realizado tras un largo período de investigación por Cándido Pazos, comisario da mostra, coordinado pola exiptóloga doutora María Luz Mangado.