A USC e a Asociación Española de Protocolo colaborarán no desenvolvemento de formación continua e posgrao

A Universidade de Santiago e a Asociación Española de Protocolo colaborarán na realización de estudos universitarios no ámbito do protocolo e a organización de eventos, dentro do programa universitario de estudos propios. Esta cooperación quedou establecida na sinatura dun convenio entre a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, e o presidente da AEP, Ramón Peche Villaverde, que tivo lugar este venres en San Xerome coa presenza de Esperanza Guede Teixeira, codirectora da formación en protocolo da USC.
Deste xeito, a AEP facilitará o acceso do estudantado a seminarios e actividades formativas exclusivas durante un ano, período no que gozarán da condición de socios e socias de forma gratuíta. Posteriormente, poderán continuar formando parte da Asociación, previa aceptación e abono da cota anual correspondente. A asociación facilitaralles ademais, na medida das súas posibilidades, oportunidades profesionais e de empregabilidade mediante a divulgación de ofertas de emprego, prácticas profesionais ou proxectos de colaboración no ámbito de actuación da propia AEP.
Pola súa banda, a USC comprométese a dar visibilidade a esta colaboración e facilitar a participación de representantes da AEP en actividades complementarias ou de extensión do programa, xornadas, conferencias ou mesas redondas.
Con esta colaboración, ambas as dúas institucións apostan pola formación e o desenvolvemento profesional das e dos futuros especialistas en protocolo, materializado no Mestrado de Formación Permanente, Diploma de Especialización, Diploma de Experto/a e Cursos de Formación Continua. A este respecto, xa está aberto o prazo de matrícula do I Curso de Formación Continua Universitario en Protocolo, que comezará o próximo 7 de novembro cunha duración de seis meses e unha dotación de 25 créditos universitarios. O programa do curso abordará temas actuais como o protocolo oficial, o protocolo social e a organización de actos, o protocolo internacional, la comunicación estratéxica no ámbito do protocolo, o protocolo deportivo, protocolo e Intelixencia Artificial e protocolo e seguridade, ademais de prácticas en empresas e entidades.
Este é o primeiro convenio que a AEP asina cunha universidade pública que, ademais, foi pioneira na implantación de títulos neste ámbito co título propio de Especialista Universitario en Protocolo en 2002, da man de Esperanza Guede Teixeira, co directora da formación en protocolo da USC.
