A USC e Aspanaes promoven a natación entre as persoas con autismo

Un grupo de catorce persoas con autismo asistiron a un curso de natación na piscina universitaria grazas a un convenio asinado entre a asociación Aspanaes e a Universidade de Santiago para favorecer a promoción do deporte entre este colectivo.
Para comentar os detalles deste acordo, o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, reuniuse esta semana co presidente e o director xerente da Asociación ASPANAES, Ignacio Labella e Daniel Vieitez Solla, respectivamente. Na xuntanza participou tamén o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico.
As sesións de natación dos sábados continuarán durante todo o curso na instalación universitaria, tal e como figura no acordo marco, que contempla a colaboración tanto en actividades físico-deportivas, de formación e divulgativas como na mellora da accesibilidade cognitiva ás instalacións e servizos deportivos da USC.
Neste senso, e segundo o acordado por convenio, Aspanaes levará a cabo un programa de accesibilidade cognitiva na piscina universitaria da USC consistente no deseño, elaboración e colocación de pictogramas coa fin de facilitar ás persoas que presentan necesidades derivadas de procesos cognitivos diferentes o seu acceso á información da instalación e procesala para utilizala na súa adaptación ao medio.
No caso das persoas con autismo, unha área de especial dificultade é o procesamento de información que provén do entorno social e a interacción con outras persoas, por iso é importante levar a cabo unha mellora da sinalización dos espazos e a secuencia de acción a realizar en cada un deles.