Ir o contido principal

A USC celebra o Día da Muller Traballadora cunhas xornadas en Santiago e Lugo

‘Mulleres no século XXI’ é o lema das xornadas coas que a Universidade de Santiago conmemorará o Día da Muller Traballadora. Ao logo de todo o mes de marzo sucederanse diversos relatorios e mesas redondas que analizarán o papel da muller en distintos eidos científicos e académicos.
A programación presentárona esta mañá en Lugo o vicerreitor de Coordinación do Campus, Carlos Herrero Latorre, e a vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos, Celia Besteiro. O vicerreitor aproveitou a ocasión para lembrar que o compromiso coa igualdade ten que facerse non só nunhas datas determinadas senón estar presente na vida cotiá.
As actividades, como explicou Celia Besteiro, comezarán en Santiago este xoves, día 8, ás 12:00 horas co relatorio ‘A masculinidade do coñecemento’ a cargo da catedrática de Dereito Civil e ex reitora da Universidade sevillana Pablo de Olavide, Rosario Valpuerta. Deseguido, o Espazo de Danza Universitario, baixo a dirección artística de Juan Carlos Zahera, representará a peza ‘Cun par de TakóNS!’. Esta obra de creación colectiva trata de transmitir os diferentes animos da muller expresados a través de estados físicos que van dende a pasividade ata o frenesí, pasando polo total descontrol.
O resto do programa, con relatorios e mesas redondas, desenvolverase enteiramente nos distintos centros de Lugo en diversas sesións ata o día 28 deste mes. Neste campus, as actividades comezarán o mesmo xoves, ás 18:00 horas na Sala de Xuntas de Veterinaria co relatorio de Rosario Valpuerta.
Inauguración exposición feminismoEntre as actividades a celebrar este xoves inclúese ademais a inauguración, as 19:15 horas, da exposición ‘Vinte e catro anos de Andaina’. A sala Isaac Díaz Pardo de Veterinaria acollerá ata o día 20 deste mes en horario de 9:00 a 21:00 horas as portadas dos últimos 24 anos da publicación feminista Andaina. A exposición está organizada pola Vicerreitoría de Cultura da USC e patrocinada polo Fondo Social Europeo, o Instituto da Muller do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller da Xunta de Galicia.
Resto de actividades

As actividades que conmemoran o Día da Muller Traballadora continúan durante todo o mes coa celebración dun ciclo de relatorios e mesas redondas que percorrerán diversos centros do Campus de Lugo. Así, a Facultade de Ciencias acolle o xoves 15 ás 10:00 horas a intervención da coordinadora do grupo de Voluntarios de Axuda en Acción de Lugo, Ana Barral Fernández, quen falará sobre a muller como factor clave no desenvolvemento. Seguidamente se abrirá unha mesa redonda para analizar o papel das enxeñeiras no século XXI e na que participarán as enxeñeiras técnicas Margarita López e Uxía Díaz, moderadas polo decano da facultade, Francisco Fraga.
O mércores 21 ás 17:00 horas será a quenda da Facultade de Humanidades que acollerá o relatorio das escritoras Luz Pozo e Carmen Blanco sobre as mulleres e as ciencias humanas no século XXI. Pola súa banda, a presenza das mulleres na Administración Pública será analizada pola directora xeral de Protección Civil, María Esther González Saavedra, o día 22 ás 18:00 horas na Escola Politécnica Superior. Deseguido celebrarase unha mesa redonda sobre muller e enxeñaría na que participarán a directora de AGROAMB, Mercedes Pérez; a presidenta de Enxeñaría Sen Fronteiras, Raquel Zolle; a representante do Proxecto Infinitas Renovables, Verónica Cascallana Bouza; a representante de NATUTECNIA Consultoría, Mar Domínguez Paredes; e as de GIMENA Ingeniería, Eva Salvador e María Guerreiro.
Como remate aos actos polo Día da Muller Traballadora, o día 28 a Facultade de Veterinaria acollerá ás 12:30 horas o relatorio da catedrática de Medicina e Cirurxía Animal da Universidade Complutense de Madrid, María Castaño Rosado, quen falará sobre as mulleres veterinarias.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.03.2007.