A USC celebrou na Escola de Formación do Profesorado de Lugo a festividade de San Tomé de Aquino, patrón da Universidade

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, presidiu este luns 29 na Escola de Formación do Profesorado do Campus de Lugo o acto académico organizado con motivo da festividade de San Tomé de Aquino, patrón da Universidade. Na mesa presidencial estiveron presentes ademais os vicerreitores de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero latorre; de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José Manuel Mayán Santos; de Oferta Docente, Máximo Pló Casasús; de Investigación, Mª José Alonso Fernández; de Profesorado e Organización Académica, María Dolores Dominguez Santos; e o vicerreitor de Economía e Financiamento, Miguel A. Vázquez Taín.
Á Escola de Formación do Profesorado acudiron tamén numerosas autoridades civís e políticas de Lugo, entre as que se atopaban o alcalde da cidade, José López Orozco; o presidente da Deputación Provincial, Francisco Cacharro Pardo, o subdelegado do Goberno, Jesús Otero, e o presidente do Consello de Contas.
A primeira intervención da sesión foi a lección maxistral da profesora Araceli Herrero, que falou da relación entre Luis Pimentel e a cidade de Lugo. A docente amosou a sua ledicia por participar nun acto que se celebra na Escola de Formación do Profesorado, primeiro centro do campus lugués onde exerce a docencia dende 1974. Na súa lección destacou o papel na publicación da obra do escritor dos seus amigos e contertulianos e insistíu no amor que a cidade da muralla lle proferíu ao poeta.
A continuación, o reitor Senén Barro comezou o seu discurso lembrando que “a USC debe participar activamente na construción do Espazo Europeo de Investigación, sen esquecer a realidade económica e social de Galicia”. Para Barro trátase dun “deber que a nosa Universidade ten cos seus investigadores e investigadoras e co seu estudantado, mais, sobre todo, é un deber que ten coa sociedade”. O reitor subliñou que a iniciativa investigadora da institución académica “non é de autosatisfacción e autoconsumo” senón que se trata dunha actividade con clara proxección cara ao exterior da Universidade, e que se rexe polo lema “investigamos para vostede”.
“O investimento en I+D debe crecer sensiblemente, xa que está demostrado que un aumento do investimento en políticas de investigación, desenvolvemento e innovación multiplica por tres ou catro o retorno en aumento do PIB” continuou Senén Barro. Neste senso, o reitor considera que as universidades españolas souberon pasar en escasamente dúas décadas a ser un axente indispensable na investigación do Estado.