Ir o contido principal

USC e Consello Consultivo de Galicia establecen un convenio marco en materia de formación e investigación xurídica

O reitor Antonio López e o presidente do Consello Consultivo de Galicia, José Luis Costa Pillado, asinaron o documento. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López e o presidente do Consello Consultivo de Galicia, José Luis Costa Pillado, asinaron o documento. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López e o presidente do CCG, José Luis Costa Pillado, asinaron este luns un acordo que terá unha vixencia de catro anos
Santiago de Compostela

USC e Consello Consultivo de Galicia (CCG) asinaron este luns 4 un convenio marco de actuación que lles permita estreitar as súas relacións, xuntar esforzos e establecer normas amplas de actuación que canalicen e incrementen, dentro dese marco preestablecido, os contactos e colaboracións. O reitor Antonio López e o presidente do Consello Consultivo de Galicia, José Luis Costa Pillado, asinaron o documento, en virtude do cal, as dúas institucións colaborarán en actividades docentes, formativas, de investigación xurídica e outras que sexan de interese para as dúas partes.

Deste xeito, a institución académica compostelá e o supremo órgano consultivo e de asesoramento xurídico da Xunta de Galicia e das administracións públicas da Comunidade, colaborarán na execución de proxectos e/ou programas de investigación xurídica; e cooperarán na organización e execución de programas de formación práctica e de actualización xurídica dirixidos á comunidade universitaria e aos profesionais do Dereito. Ademais, tamén son modalidades de cooperación contempladas no documento a organización de congresos, xornadas ou seminarios docentes e/ou de investigación xurídica e a publicación dos seus resultados; e o acceso do persoal do CCG aos servizos e recursos bibliográficos da Biblioteca da USC.

Cada proxecto e programa de actuación en virtude deste convenio marco será obxecto dun convenio específico que deberá ser aprobado polos órganos de goberno das dúas institucións. O convenio ten unha vixencia de catro anos e poderá ser renovado se as partes así o acordan.

O CCG, co que a USC asina este documento, constitúe o máximo órgano consultivo e de asesoramento xurídico da Xunta de Galicia e das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e actúa con independencia respecto de calquera órgano e, en garantía dela, goza de autonomía orgánica e funcional.

No acto tamén estiveron presentes a secretaria xeral da USC Dulce García Mella e a decana de Dereito, Ana Gude. Xunto a elas, primeiro pola dereita, José Ángel Oreiro Romar, secretario xeral do Consello. FOTO: Santi Alvite
No acto tamén estiveron presentes a secretaria xeral da USC, Dulce García Mella (primeira pola esquerda), e a decana de Dereito, Ana Gude. Xunto a elas, primeiro pola dereita, José Ángel Oreiro Romar, secretario xeral do Consello. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.07.2022.