Ir o contido principal

A USC coordina un proxecto que busca a optimización enerxética das plantas de tratamento de augas residuais en Europa

A USC coordina un proxecto que busca a optimización enerxética das plantas de tratamento de augas residuais en Europa
A USC coordina un proxecto que busca a optimización enerxética das plantas de tratamento de augas residuais en Europa
Primeira acción do programa Horizonte 2020 que coordina a USC, Enerwater desenvolverase os vindeiros tres anos con nove socios de Alemaña, Italia, Reino Unido e España

O proxecto Enerwater celebrou este venres 27 na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago (ETSE) a xuntanza que marca o seu lanzamento como primeira acción do programa Horizonte 2020 que coordina a USC. As siglas Enerwater son un acrónimo que define a finalidade de proxecto, ‘Método estándar e unha ferramenta en liña para a avaliación e mellora da eficiencia enerxética das plantas de tratamento de augas residuais’. O reitor Juan Viaño presidiu esta primeira sesión de traballo nunha sesión na que o acompañou a coordinadora do proxecto e integrante do grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos Almudena Hospido. ENERWATER é unha actividade proxectada para os vindeiros tres anos que involucra nove socios, entre universidades e empresas, pertencentes a Alemaña, Italia, Reino Unido e España. Na actualidade, os estudos realizados apuntan a que as plantas de tratamento de augas residuais representan máis do 1% do consumo de electricidade en Europa, unha das maiores porcentaxes de uso de enerxía entre as industrias públicas. Estas cifras sinalan o punto de partida do proxecto que coordina a USC, que buscará definir ferramentas de medición que cuantifiquen o consumo enerxético destas plantas e elaborar normas para comparar e, finalmente, optimizar o seu funcionamento. Dada a antigüidade de boa parte das plantas europeas dedicadas ao tratamento de augas residuais, os integrantes do proxecto prevén unha importante redución do consumo enerxético. Neste senso, as iniciativas a desenvolver entroncan coa actividade que desenvolve o grupo de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos da USC en cuestións como a cuantificación e a redución das emisións directas e indirectas de gases de efectos invernadoiro en diversos sectores industriais, con especial atención ao dióxido de carbono, metano e óxido nitroso. Segundo Almudena Hospido, o resultado final desta colaboración internacional permitirá á industria europea da auga alcanzar unha vantaxe competitiva no desenvolvemento de novos produtos e unha acceso máis rápido aos mercados. Co obxecto de asegurar unha rápida transferencia de resultados, o proxecto porá en contacto grupos de investigación, pequenas e medianas empresas, concellos, responsables políticos e a industria máis alá do consorcio do proxecto. Ademais, agárdase que a actividade xerada permita impulsar o diálogo cara a definición dunha lexislación europea específica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.03.2015.