A USC e Enxeñaría sen Fronteiras organizan a V edición do curso Tecnoloxía e cooperación para o desenvolvemento humano
O Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC e a ONG Enxeñaría sen Fronteiras (ESF) inauguraron este venres a quinta edición do curso Tecnoloxía e Cooperación para o Desenvolvemento Humano” que se celebrará na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago esta fin de semana e a do 23 de abril.
O curso pretende dotar aos asistentes dunha visión global das causas e consecuencias da pobreza, fomentando un compromiso activo cos esforzos para erradicalas a través de modelos alternativos de desenvolvemento. A enxeñería, entendida como o estudo e a aplicación da tecnoloxía, é unha ferramenta esencial para o acceso universal aos servizos básicos, imprescindibles para unha vida digna. Por exemplo, o acceso á auga potable e ao saneamento ou a cobertura das necesidades mínimas de enerxía e comunicación son factores clave na loita contra a pobreza.
O curso, que combina un amplo contido teórico e práctico, contará coa presenza de diversos colectivos, ONG’s e movementos sociais como Amani-Galicia, o Foro de Inmigración, Educación sen Fronteiras, Asemblea de Cooperación pola Paz, Médicos do Mundo, Amarante, Amigos da Terra, Sociedade Galega de Educación Ambiental, Ghandalf e a propia ESF, entre outras.
As charlas están abertas a todas aquelas persoas interesadas na cooperación para o desenvolvemento e especialmente a voluntarios, responsables de programas e proxectos de cooperación, organizacións non-gobernamentais e medios de comunicación. Concederase, alén dun diploma acreditativo, dous créditos de libre configuración para aqueles estudantes que asistan. Para máis información os interesados poden visitar a páxina web http://www.galicia.isf.es/tcpdh