A USC fai visible as novas linguaxes cun certame de videocreación no marco do Curso de Primavera ‘Andar, camiñar, marchar..’

A USC aposta pola visibilización das novas linguaxes coa convocatoria dun certame de videocreación, cuxa temática está estreitamente ligada coa do XV Curso de Primavera ‘Andar, camiñar, marchar…’, un programa de reflexión e debate promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello e Deputación Provincial de Lugo, que se desenvolverá do 10 ao 12 de abril na Facultade de Humanidades.
O I Certame de Videocreación, unha iniciativa organizada desde a Área de Cultura do campus de Lugo da USC e coordinada por Sabela Eiriz, pretende poner en valor e canalizar as inquedanzas creativas e da mocidade e tamén as novas formas de manifestación e expresión nas que a literatura conflúe co audiovisual.
Alén da aposta por valorizar as novas linguaxes e formas de manifestación cultural, os promotores desta iniciativa de carácter pouco menos que experimental buscan tamén render unha homenaxe póstuma a Isidro Novo, a xeito de recoñecemento das dúas innovadoras accións a prol de achegar a literatura, en particular, e a cultura, en xeral, á sociedade xa cos Círculos Líticos, xa coas Polafías. Daquela, os certame establece o Premio Isidro Novo, dotado con 300 euros en metálico, para a videocreación con mellor linguaxe literaria, un galardón semellante ao que o xurado outorgará tamén ao traballo máis valorado pola súa lingauxe audiovisual.
O I Certame de Videocreación do campus de Lugo da USC, cuxas bases están accesibles na web www.lugocultural.es, constitúe unha novidade na programación do Lugo Cultural de 2019. Trátase dunha iniciativa aberta á participación de todas as persoas interesadas, que poden achegar os seus respectivos documentos ata o 7 de abril no enderezo de correo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es).
As dúas videocreacións presentadas ao certame que acaden unha mellor valoración por parte do xurado serán proxectadas na última xornada do Curso de Primavera da USC ‘Andar, camiñar, marchar...’ , no marco dunha sesión aberta ao público que se desenvolverá o 12 de abril, a partir das 16.00 horas, na Facultade de Humanidades do campus de Lugo. Ao remate desta proxección dos traballos máis destacados procederase á entrega dos premios aos autores das dúas candidaturas galardoadas.
Aberta a inscrición no XV Curso de Primavera da USC
O XV Curso de Primavera da USC ‘Andar, camiñar, marchar...’, programa dirixido polos profesores ad honorem da Facultade de Humanidades da USC Felipe Arias e Max Jean Zins e coordinado pola decana do centro universitario lugués, María Isabel González Rey, mantén aberto o prazo de inscrición ata o 9 de abril de 2019. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través do enderezo e correo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es)
O tema escollido para esta edición do curso pretende abordar de xeito transversal e multidisciplinar o feito de andar e camiñar, de poñerse en movemento tanto as persoas coma os animais, e tanto en grupo como individualmente. Esta temática será analizada desde moi diversos puntos de vista: físico, sociolóxico, histórico, antropolóxico, relixioso, lúdico e mesmo imaxinario, sen que isto esgote os aspectos a debater. O propósito principal é que sexa unha iniciativa útil para toda a comunidade universitaria e para a sociedade lucense e galega en xeral, por medio dos relatorios, mesas redondas e actividades complementarias que a integran.