USC e Fundación Araguaney-Puente de Culturas promoverán o achegamento das culturas galega e árabes, mediterráneas e hispanoamericanas
USC e Fundación Araguaney-Puente de Culturas acaban de asinar un protocolo xeral que buscará promover e fomentar o achegamento entre as culturas galega e árabes, mediterráneas e hispanoamericanas con especial atención ao establecemento de foros e espazos para a reflexión intercultural. A colaboración desenvolverase en base a iniciativas nos campos das expresións culturais, actividades formativas e de divulgación e sensibilización social da cidadanía e da comunidade universitaria. O acordo queda recollido nun documento asinado este xoves entre o reitor Antonio López e o presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb C. Jaber Martínez.
A partir dunha vixencia inicial de catro anos, este protocolo xeral contempla o apoio mutuo na organización de proxectos e actividades culturais de diversa índole como os ciclos de cinema; a literatura; exposicións de artes plásticas, escultóricas ou audiovisuais; concertos; obras teatrais; e outras expresións artísticas.
Ademais, a colaboración estenderase a proxectos específicos como a programación das Faíscas Culturais, iniciativa da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura que se sitúan na intersección que existe entre o coñecemento académico e a expresión artística, ou ao Festival de Cine Euroárabe Amal, organizado pola Fundación Araguaney.
O desenvolvemento deste protocolo tamén inclúe a posibilidade de crear unha cátedra institucional da USC coa finalidade última de levar a cabo actividades de formación, creación cultural e artística, promoción da investigación e innovación, desenvolvemento tecnolóxico, así como a divulgación e transferencia de coñecementos no eido da xestión cultural e dos estudos interculturais. Co documento asinado, séntanse igualmente as bases para o desenvolvemento conxunto de actividades de fomento do debate e a reflexión sobre temas de interese social ou o reforzo de novos convenios de prácticas para o estudantado, así como outras actividades análogas de carácter formativo.
A colaboración e a cooperación entre ambas institucións tense dado de forma continua e intensa dende o nacemento da Fundación Araguaney hai mais de corenta anos. Unha mostra recente desta frutífera relación foi a proxección da película xordana Farha, no salón de actos da Facultade de Filosofía da USC, o pasado mes de maio, con motivo da conmemoración do 76 aniversario da Nakba palestina; ou a visita en xuño a Santiago do profesor emérito da Universidade Católica de Lovaina, Bichara Khader, que viviu o seu momento cumio na presentación da tradución ao galego do ensaio Palestina: A traxedia permanente (1948-2024). Unha chamada para espertar Europa no Paraninfo da Facultade de Historia e Xeografía da USC.
Actualmente, as dúas entidades xa traballan conxuntamente en novas propostas que terán lugar nos vindeiros meses coma un seminario académico, acollido pola Facultade de Dereito da USC, sobre a análise do conflito palestino-israelí dende o punto de vista do dereito internacional público ou a inauguración dunha exposición de foto-xornalismo multi-formato no espazo expositivo da Igrexa da Universidade.