Ir o contido principal

A USC incrementou as solicitudes de patentes nun 25% no último ano

Un momento da xornada sobre patentes. FOTO: Lorena do Merlo
Un momento da xornada sobre patentes. FOTO: Lorena do Merlo
Os datos foron presentados nunha xornada organizada coa firma ABG Intellectual Property na que a Xunta de Galicia presentou unha nova metodoloxía para avaliar o potencial comercial das tecnoloxías patentadas

“En 2023 a Universidade de Santiago incrementou de forma substancial o número de comunicacións de invención (73), solicitudes de patente presentadas ante a OEPM (11) e solicitudes presentadas ou estendidas a terceiros países (36)”. Con estes datos, o delegado do Reitor para Transferencia de Coñecemento da USC, Luis Otero, participou no arranque do seminario IP Perspectives Galicia que organiza a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) en colaboración coa firma especializada en propiedade industrial ABG Intellectual Property.

A tradición na protección do coñecemento na universidade compostelá remóntase ao ano 1988, e na actualidade a carteira activa sitúase arredor das 300 patentes. “O incremento dun 25% no número de solicitudes de patente foi posible grazas ao aumento dos recursos dispoñibles, tanto financeiros como humanos, que mostran o compromiso da nosa institución coa protección do coñecemento xerado”, resaltou Otero.

O socio director de ABG IP e Axente de Patente Europea, Juan Arias, apoiou esta afirmación e sinalou que “a USC é un exemplo para outras universidades públicas en materia de protección da propiedade industrial”. Nesta liña, Arias tamén sinalou durante a apertura do evento que “solicitar patentes ou outros dereitos de propiedade industrial é o primeiro paso para que a tecnoloxía desenvolvida nos laboratorios chegue á sociedade en forma de industria e empregos de calidade”.

Potencial comercial
Nesta cuarta edición, a xornada contou, ademais, coa participación de María José Mariño, directora da área de Centros da Axencia Galega de Innovación (GAIN), quen presentou a publicación Metodoloxía para a avaliación do potencial comercial de tecnoloxías protexidas mediante patente e os seus autores, Susana Torrente, técnico Superior de Xestión de Transferencia Tecnolóxica da USC, e Tobías Lipp, CEO de Lipp+Tech Consulting.

A ferramenta, que se acaba de editar en colaboración coa Fundación Barrié dentro do Programa Ignicia Transferencia de Coñecemento, é clave para medir o potencial comercial dunha tecnoloxía patentada e definir así a súa capacidade para xerar beneficios económicos ou competitivos a través da concesión de licenzas ou a venda.

“Para obter ese rendemento é moi importante tamén saber negociar a compensación económica dos acordos de licenza e contar cun asesoramento especializado dun experto en propiedade industrial”, apuntou Juan Arias. Neste sentido, o delegado do Reitor para Transferencia de Coñecemento da USC sinalou que “os ingresos en concepto de royalties previsiblemente ascenderán a 180.000 euros anuais en 2024, correspondentes a tecnoloxías protexidas tanto mediante patente como mediante secreto empresarial”.

Ademais de mediante acordos con terceiros, as invencións patentadas xurdidas nos laboratorios poden tamén transformarse en industria e emprego mediante a creación de empresas de base tecnolóxica. En relación a estas últimas a USC dispón dunha carteira de 31 empresas que sustentan o seu modelo de negocio na explotación do coñecemento científico. Estas empresas, a diferenza das startup convencionais, adoitan ter taxas de supervivencia e éxito moito máis elevadas.

Á vista destes datos, e como se puxo de manifesto no debate desenvolvido ao fío do programa IP Perspectives Galicia, a Universidade de Santiago atópase ben posicionada para abordar o impulso da transferencia que se recolle na nova Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU), a Lei da Ciencia e o Plan de Transferencia. Así mesmo, na súa intervención, o delegado do reitor tamén destacou o compromiso da USC coa transferencia do coñecemento, coa dotación dun orzamento propio de 350.000 euros na presuposto da área de valorización, a dotación de novos profesionais, o deseño de novos programas de valorización, o desenvolvemento de plans de transferencia para grupos de investigación, de programas de emprendemento e de colaboración coas empresas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.04.2024.