Ir o contido principal

A USC organiza cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros

A matrícula permanecerá aberta ata o vindeiro 1 de maio

Coa pretensión de ofrecer ao estudante estranxeiro a oportunidade de familiarizarse coa lingua galega e coa súa realidade sociocultural, o Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC, en colaboración coa Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza cursos de verán de lingua galega que inclúen excursións e visitas aos lugares de principal interese cultural e paisaxístico de Galicia.
Os cursos distribúense nun nivel elemental de iniciación á lingua galega e noutro nivel medio, destinado aos alumnos que xa cursaron o elemental ou que posúan un coñecemento básico do idioma. O ILG tamén organizará un Curso Superior de Filoloxía Galega.
Os interesados maiores de 18 anos poden inscribirse na sede do Instituto antes do 1 de maio. A matrícula, que inclúe o material didáctico e as excursións, custa 200 euros, dos que 40 euros se deberán aboar no momento da inscrición e os 160 restantes cando comecen as clases. Ademais, a secretaría dos cursos informa aos futuros estudantes sobre os medios de transporte para acceder á capital galega e facilita unha lista de pensións e casas particulares para os alumnos.
Axudas económicasA organización do curso ofrecerá bolsas de estancia aos estudantes que as soliciten por correo xunto cun currículo vitae, unha carta de presentación dun profesor de universidade e outros datos de interese. Os alumnos bolseiros recibirán 400 euros e estarán exentos do pagamento da matrícula do curso.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.04.2007.