A USC participa no ‘Informe global sobre cambios transformadores’ para o desenvolvemento sustentable
Un equipo internacional composto por arredor dun cento de especialistas en distintas disciplinas científicas reúnese do 10 ao 16 de decembro xunto a representantes de 146 gobernos de todo o mundo en Windhoek, Namibia, para a presentación do ‘Informe global sobre cambios transformadores’ elaborado pola Plataforma Intergobernamental Científico-normativa sobre Diversidade Biolóxica e Servizos Ecosistémicos (IPBES), unha entidade internacional que asesora o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (UNEP).
Neste plenario, o undécimo da plataforma, participará entre o conxunto de especialistas que representan a España o profesor da USC Sebastián Villasante, director do EqualSea Lab do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais da Universidade de Santiago (CRETUS). O investigador explica que “como científicos traballamos de forma altruísta e con enorme compromiso, conscientes da necesidade de contribuír ao beneficio da sociedade e a economía global. Esta plataforma é sen dúbida un gran instrumento para facelo, onde temos oportunidade de traballar con colegas de todo o mundo pero tamén cos tomadores de decisión, axentes da sociedade civil, empresas e comunidades locais”.
O informe da plataforma IPBES preséntase como o retrato máis completo das estratexias e solucións máis prometedoras para o planeta e en última instancia para a humanidade, é dicir, dos cambios transformadores necesarios para alcanzar a Visión 2050 de Biodiversidade. Busca deste xeito achegarlles aos responsables políticos e persoas tomadoras de decisións avaliacións científicas obxectivas sobre o estado dos coñecementos relativos á biodiversidade do planeta, os ecosistemas e as contribucións que fan as persoas, así como as ferramentas e métodos para protexer e utilizar de maneira sustentable estes activos naturais vitais.