Ir o contido principal

A USC participa nun proxecto internacional para restaurar solos degradados en Panamá

A estratexia baséase no establecemento de laboratorios vivos
A estratexia baséase no establecemento de laboratorios vivos
A iniciativa é clave para a seguridade alimentaria e a provisión de auga para o Canal
Lugo

Combater a grave problemática da degradación de solos no Canal de Panamá orixinada principalmente pola deforestación e prácticas agrícolas de solo intensivas é o obxectivo do proxecto de cooperación internacional no que participa a Universidade de Santiago de Compostela (USC) a través do seu programa de doutoramento en Agricultura e Medio Ambiente para o Desenvolvemento. A iniciativa desenvólvese aplicando innovadoras estratexias para empoderar as comunidades locais na protección de solos.

Tal e como apunta o catedrático do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola e coordinador do proxecto na USC, Agustín Merino, o proxecto é “crucial” para a zona dado que a situación actual de degradación “non só ameaza a seguridade alimentaria local e a calidade dos recursos hídricos, senón que tamén pode afectar o abastecemento de agoa necesario para o funcionamento do Canal de Panamá, unha infraestrutura vital para o comercio global”.

A iniciativa ‘Fortalecemento de capacidades para restaurar solos degradados na rexión oeste do Canal de Panamá’, coordinada polo Instituto de Investigación Agropecuaria de Panamá (IDIAP), está financiada pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e conta tamén coa participación do Instituto de Solos de Cuba.

Laboratorios vivos


A estratexia do proxecto baséase na co creación de coñecemento e a innovación social. Así, estableceranse parcelas de demostración ou Living Labs (Laboratorios Vivos), onde agricultores ‘líderes’ de piña e café, gandeiros, asociacións de mulleres, xóvenes ambientalistas, a Autoridade do Canal de Panamá e o Ministerio de Agricultura, entre outros, manterán coloquios e traballarán man a man con científicos internacionais.

Nestes espazos identificaranse e poranse en marcha prácticas de conservación e restauración de solos combinando os avances científicos máis punteiros co coñecemento tradicional das comunidades locais. Esta metodoloxía no só busca atopar solucións efectivas e adaptadas ao territorio, senón que constitúe unha poderosa ferramenta para empoderar as persoas propietarias e xestoras do solo, permitíndolles ser protagonistas na corrección dos problemas que lles afectan directamente.

As actividades previstas inclúen encontros multiactores para fomentar o diálogo, prácticas de campo para a transferencia directa de tecnoloxía e obradoiros de capacitación multidisciplinares (desde aspectos de agronomía a socioloxía) que fortalezan as capacidades locais de maneira sostible.

Compromiso da USC coa cooperación


A participación da USC neste consorcio internacional reforza o compromiso da universidade coa cooperación ao desenvolvemento e subraia a relevancia e aplicabilidade práctica da súa investigación doutoral en áreas críticas para o futuro do planeta, como a agricultura sostible e a conservación medioambiental. A participación do doutoramento materializouse coa participación tanto do coordinador, o profesor Agustín Merino, así como seis doutorandos e catro persdoas supervisoras do programa no país.

O programa de doutoramento achega o seu expertise na análise de sistemas socioecolóxicos complexos e na metodoloxía de investigación-acción participativa, que son “claves para o éxito dun proxecto destas características” en palabras do seu coordinador, o profesor Merino. “Tratamos de formar persoal investigador que sexa quen de abordar os desafíos globais da seguridade alimentaria, a sostibilidade agrícola e a xestión dos recursos naturais, cunha forte compoñente de aplicación en contextos de desenvolvemento”, explica.

Foto de grupo das peraoas que participan no proxecto. Agustín Merino, de pé segundo pola esquerda
Foto de grupo das peraoas que participan no proxecto. Agustín Merino, de pé segundo pola esquerda
Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.09.2025.