Ir o contido principal

A USC premia a calidade lingüística en galego do seu estudantado

Foto de grupo das persoas premiadas que asistiron ao acto coas autoridades. Foto: Santi Alvite
Foto de grupo das persoas premiadas que asistiron ao acto coas autoridades. Foto: Santi Alvite
Este venres entregáronse os premios á calidade dos traballos de curso, de fin de grao e de fin de mestrado
Lugo, Santiago de Compostela

A USC recoñeceu este venres a calidade lingüística en galego dos traballos académicos, de fin de grao (TFG) e de fin de mestrado (TFM) do curso 2023-2024, iniciativa que busca fomentar unha cultura de calidade no uso do galego entre o estudantado. Fíxoo nun acto académico que se desenvolveu no Paraninfo da Universidade baixo a presidencia do reitor Antonio López e no que participaron ademais a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala, e Lucía Campos González en representación das persoas premiadas.

O reitor aproveitou este acto para lembrar que o galego é a lingua propia da USC, “e aínda que se van dando pasos neste sentido, temos que facer autocrítica e seguir traballando para mellorar os índices de uso do galego sobre todo nos ámbitos da docencia e a investigación”. Neste senso, puxo de relevo diversas medidas que se están a pór en marcha, como o último plan de actuación que foi referendado pola maioría do Claustro.

Para López é “esencial” que todas as administracións, “tamén as educativas”, se impliquen na normalización da lingua, “e se hai décadas iso supuxo traer a lingua das rúas e da casa á Academia, hoxe ese fluxo debera retroalimentarse e tamén nós dende a Universidade debemos pular para levar de novo o galego ás casas e á rúa”, dixo.

No mesmo senso pronunciouse Valentín García, quen felicitou o estudantado premiado por “ter trazada xa unha liña de éxito na vosa carreira académica e profesional, que engade ao currículo científico o uso do noso idioma”. “Sodes agora vós quen máis preparados estades, quen maior competencia en galego tedes, para transmitir a mensaxe de que saber manexar varias linguas é algo enriquecedor”, díxolles.

Pola súa banda, a vicerreitora López Couso puxo en valor a importancia dunha “cultura de calidade en galego”. “Sodes a proba inequívoca de que o noso estudantado non só ten o nivel de coñecemento requirido na súa titulación senón que ademais ten outras destrezas esenciais como saber comunicalo”, afirmou.

A gañadora dun premio na modalidade TFG Lucía Campos dixo no acto sentirse “en débeda con todas aquelas persoas que antes que nós loitaron para que eu puidese desenvolver toda a miña vida, tamén estudar, en galego”. Por iso, dixo, “este recoñecemento non é só noso, senón tamén de todas elas e das que hoxe normalizan o galego como ferramenta de expresión, cultura e convivencia que é”.

O acto, que contou coa asistencia de numersoso familiares e amizades das persoas premiadas, estivo amenizado por un cuarteto formado pola soprano Alicia Gómez, os violíns Carla Veiga e Alejandro González e a viola Iria Fernández, todas e todos estudantes da USC.

31 premios
Nesta vixésima edición entregáronse un total de 19 premios (4 deles ex aequo) e 12 mencións, o que dá conta da “altísima calidade” dos traballos, “que dificulta moitas veces a tarefa do xurado”, que este ano tivo que valorar case 200 traballos presentados”, explicou Singala no acto.

En concreto, na modalidade de traballos académicos de curso, entregáronse cinco premios e tres mencións; na de TFG, sete premios (2 deles ex aequo) e 6 mencións; na de TFM, 7 premios (2 ex aequo) e 3 mencións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.03.2025.