Ir o contido principal

A USC propón unha serie de directrices para simplificar o recoñecemento académico de persoas refuxiadas e unha ferramenta de medición de adaptación nos países de acollida

De esquerda a dereita, Mar Lorenzo, Víctor Arce e Xosé L. Braña. Foto: Servimav-USC
De esquerda a dereita, Mar Lorenzo, Víctor Arce e Xosé L. Braña. Foto: Servimav-USC
O proxecto UNINTEGRA, liderado dende 2017 polo Servizo de Relacións Exteriores, promove recursos e ferramentas para a integración das persoas refuxiadas

O vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, Víctor Arce Vázquez, e a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, presentaron este mércores os resultados do proxecto UNINTEGRA coincidindo coa conmemoración do Día Mundial do Refuxiado este xoves 20 de xuño. UNINTEGRA, coordinado polo Servizo de Relacións Exteriores da USC en colaboración coas universidades de Minho e Nacional de Atenas, promove o apoio á integración de persoas refuxiadas proporcionándolles recursos e ferramentas para a súa inclusión e incidindo na sensibilización das comunidades de acollida. No acto tamén participou Xosé Luis Braña Rey, xefe de Servizo de Xestión Académica da USC, participante nun dos paquetes de traballo da investigación.

Víctor Arce Vázquez subliñou o destacado papel da USC neste proxecto europeo, xa que está a coordinar ao resto das institucións participantes, así como a súa posición de liderado tanto a nivel europeo como estatal neste ámbito. Como explicou “a USC é líder de proxectos de cooperación entre universidades, o que implica estabelecer sinerxías entre institucións para xuntar recursos e poder acometer proxectos de maior dimensión en común”.

No acto de presentación dos resultados abordáronse as dúas áreas de traballo sobre as que versou a investigación. Dende o Servizo de Xestión Académica da USC, traballouse na definición dun protocolo de acreditación de competencias nacionais. que simplifique o recoñecemento de títulos, a validación de credenciais e competencias académicas para nacionais de terceiros países, con especial atención ao colectivo dos refuxiados. Unha primeira fase de análise das normativas que afectan a esta temática a nivel europeo permitiu identificar as principais carencias e diverxencias existentes, formulando a necesidade de deseñar un enfoque común de recoñecemento que mellorase a integración e oportunidades no mercado laboral das persoas refuxiadas nas súas comunidades de acollida.

Neste contexto, o consorcio UNINTEGRA elaborou unha proposta, que será remitida á Comisión Europea, con tres ferramentas básicas de intervención. Por unha banda, propoñer a ampliación e melloras no proxecto xa existente de Pasaporte Europeo de Cualificacións para Refuxiados e, por outra, impulsar a creación dunha rede interactiva de contactos institucionais, universitarios e internacionais de intercambio de información e datos e a posibilidade de tomar decisións comúns. Por último, proporase a creación dun punto único de acceso á información para os refuxiados, unha “ ventanilla única europea” para o recoñecemento académico e profesional de cualificacións de terceiros países.

Investigación sobre boas prácticas de integración
Dentro do mesmo proxecto, o grupo de investigación ESCULCA da USC, baixo a coordinación da profesora Mar Lorenzo Moledo, analizou o proceso de integración dun xeito bilateral (tanto das persoas que chegan como refuxiados como dende as comunidades de acollida). O traballo posibilitou definir unha escala de medición, inexistente ata o momento e desenvolvida integramente pola USC, que se poderá empregar como ferramenta para outras investigacións que se realicen neste eido no futuro.

O proxecto liderado pola profesora Lorenzo desenvolveuse nos tres países involucrados no proxecto (Grecia, Portugal e España) para indagar os aspectos que constitúen unha prioridade e un reto nas políticas de integración. O traballo conta cunha mostra dun total de 900 suxeitos enquisados pola USC, a National and Kapodistrian University of Athens e a Universidade do Minho, así como quince historias de vida con entrevistas de tipo cualitativo. Tamén se realizou unha investigación con familias, analizando as súas problemáticas particulares.

Os primeiros resultados indican que no 90% dos enquisados as persoas abandonan o seu país por motivos bélicos ou de persecución. Tamén se desenvolveron enquisas cualitativas con familias, centros escolares e ANPAS, nas que se analizou a percepción da calidade de vida. As próximas liñas de traballo serán afondar na integración laboral, proporcionarlles apoio social, adquisición de competencias lingüísticas e reforzar o papel da escola como elemento de integración no que xoga un papel fundamental a involucración das familias.

Semana da Integración
Dende o 12 de xuño un elenco de actividades diversas véñense desenvolvendo no marco da ‘ Semana da Integración’, que pretende trasladar a problemática das persoas refuxiadas á sociedade para que se tome conciencia do problema e se canalice cara a acción. Esta actividade finaliza o venres 21 de xuño coa conferencia ‘Haití, terra de loita e Vulnerabilidade’, impartida por Ana Isabel Martín, arquitecta especialista en cooperación internacional, colaboradora en diferentes ONGs, coma Cruz Vermella e Arquitectura sen Fronteiras, e Michael Salvini, experto en Relacións Internacionais e cooperante na reconstrución de Haití. Seguiralle unha mesa redonda, ‘Dende a realidade’, que conta coa participación engadida de Patricia Muñiz, doutora arquitecta especialista en vivendas para refuxiados e desprazados internos e Gabriel Tizón, fotógrafo con máis de 20 anos de experiencia reflexando as realidades máis próximas do ser humano. Nesta sesión proxectarase o documental ‘El Sueño Europeo: Serbia’, producido polo xornalista independente especializado en Dereitos Humanos e realizador Jaime Alekos.

UNINTEGRA
UNINTEGRA é un proxecto cofinanciado polo Fondo de Asilo, Migración e Integración (FAMI) da Comisión Europea, coordinado polo Servizo de Relacións Exteriores da USC, que se puxo en marcha a finais do 2017. O principal obxectivo é promover o apoio á integración de persoas refuxiadas proporcionándolles recursos e ferramentas para a súa inclusión e incidindo na sensibilización das comunidades de acollida.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.01.2020.