Ir o contido principal

A USC reflexiona sobre a súa política lingüística para a docencia

A USC reflexiona sobre a súa política lingüística para a docencia
A USC reflexiona sobre a súa política lingüística para a docencia
Nunha xornada de traballo o vindeiro luns 26 en Santiago

Contribuír a establecer un modelo e unha proposta de política lingüística para a USC que guíe a súa política lingüística con carácter estratéxico nos vindeiros dez anos é o cometido da xornada de reflexión ‘As linguas na USC’ que terá lugar o vindeiro luns 26. O encontro desenvolverase na Sala de Debates do CIEDUS (antigo Centro de Estudos Avanzados) e por videoconferencia dende a Facultade de Humanidades de Lugo.

Na xornada, nesta ocasión centrada na política lingüística da USC para a docencia, reflexionarase sobre o estatus e as funcións das linguas na Universidade cunha óptica política de servizo á sociedade galega e de integración no EEES, que alicerce a actualización do modelo lingüístico da institución. Para máis adiante están previstos outros encontros similares que trate esta cuestión dende a óptica dos servizos e do alumnado, entre outros.

O programa dará comezo cunha intervención do reitor Antonio López acerca do marco normativo das linguas na Universidade galega e en concreto na USC. Continuarase a xornada analizando as políticas lingüísticas doutras universidades de ámbito estatal así como as linguas na docencia da USC e a competencia lingüística do alumnado. As actitudes lingüísticas e en especial a do PDI serán as cuestións a tratar na sesión da tarde, que rematará cun panel de conclusións.

A estas xornadas estás convocadas todas as persoas responsables da USC así como representantes de PDI, alumnado e PAS nos diferentes órganos de goberno.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.11.2018.