A USC, subcampioa no Campionato Galego Universitario de Orientación

Medio cento de deportistas universitarias e universitarios de toda Galicia participaron este martes 25 de marzo no Campionato Galego Universitario de Orientación que tivo lugar no Monte Gaiás baixo a organización da Área Deportiva da Universidade de Santiago. Por equipos, a Universidade da Coruña resultou gañadora, seguida da USC e da UVigo.
Por categorías, o deportista Diego Pérez Álvarez, da Universidade compostelá, acadou o primeiro posto na categoría masculina, seguido de Javier López González, da UDC, e Germán Pérez Juste, da UVigo; mentres que na feminina a gañadora foi Olalla Bello Rodríguez, da UDC, sendo a prata para Sofía Martínez Gómez, da USC, e o bronce para Eva Casado Núñez, de UVigo.
Na entrega de premios participou o reitor da USC, Antonio López, institución anfitrioa deste certame deportivo no que colaboraron as universidades da Coruña e de Vigo, a sección deportiva de Orientación da USC, o Club Compás, a Federación Galega de Orientación, a Secretaría xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e a Fundación Cidade da Cultura. A proba foi de tipo individual contrarreloxo na modalidade de orientación en liña.

