USC e UNED celebrarán en outubro na Facultade de Humanidades o I Congreso Internacional Migración e Refuxio en Europa

O I Congreso Internacional Migración e Refuxio en Europa, un foro organizado pola USC e a UNED, entre outras entidades e institucións, converterá do 26 ao 28 de outubro a Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC nun foro aberto de análise e debate sobre a actual situación das migracións no vello continente.
Analizar a situación dos emigrantes e refuxiados en Europa, ademais de amosar e debater sobre a resposta política e socioeducativa cara as singularidades destes colectivos vulnerables e sensibilizar sobre a necesidade dunha formación técnica en atención a emigrantes e refuxiados, constitúen algúns dos obxectivos deste congreso internacional, estruturado en 30 horas lectivas e cuxa nómina de relatores inclúe investigadores, diplomáticos, refuxiados, ademais de profesionais de relevo nacional e internacional. Aberto á participación dun máximo de 250 persoas, o I Congreso Internacional Migración e Refuxio en Europa, está orientado á participación de investigadores sociais, avogados, médicos, educadores sociais, traballadores sociais, psicólogos, pedagogos, mestres... e demais persoas e profesionais interesados en acadar en formarse e prepararse tecnicamente para previr, xestionar e dar respostas eficientes aos efectos que depara este novo risco social. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición neste congreso ata o 21 de outubro na web na propia páxina web do congreso, na que tamén poderán atopar cumprida información respecto da programación deste foro, así como respecto dos relatores e relatoras que intervirán nas distintas sesións. As persoas interesadas en presentar comunicacións a este foro poderán remitir as súas achegas ata o 24 de setembro ao enderezo de correo electrónico refugiados [at] cyberpractices.org (refugiados[at]cyberpractices[dot]org), onde tamén poderán consultar calquera tipo de dúbida ou solicitar información sobre o desenvolvemento deste congreso.