A USC, entre as universidades españolas con maior rendemento en I+D, taxa de éxito académico e transferencia
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) mantense entre as universidades españolas con mellor taxa de rendemento nos eidos da investigación e transferencia de coñecemento, no que atinxe a concesións de patentes, ingresos por licencias, publicacións internacionais con elevado nivel de citacións e publicacións con empresas, así como en captación e liquidación de fondos, segundo se deprende do último ránking sobre as universidades españolas que vén de publicar a Fundación CYD (Coñecemento e Desenvolvemento) e no que se recollen datos do conxunto de España, por comunidades e universidades. De feito, na elaboración deste estudo está incluídos datos de 79 universidades públicas e privadas ao tempo que se analizan resultados de 28 ámbitos de coñecemento e 3.052 titulacións.
O citado traballo, que constitúe unha valiosa fonte de información sobre as características máis salientables do sistema universitario español, sitúa a institución académica compostelá entre as universidades españolas con máis publicacións altamente citadas e con máis patentes por profesor e investigacións citadas en patentes e tamén entre as que captan máis ingresos por licencias. Estes tres parámetros empregados pola Fundación CyD para a elaboración do seu ránking sobre a universidade española proban o compromiso e o bo facer da USC en canto a transferencia do coñecemento á sociedade se refire.
Investigación
O eido da investigación e outro dos campos nos que a USC ocupa un lugar preferente no último informe que vén de publicar a Fundación CyD. De feito, no último ránking que vén de publicar a Fundación CyD, a USC figura entre o grupo das universidades españolas que presenta mellores rendementos no que se refire a captación e liquidación de fondos externos para o desenvolvemento de actividades de I+D+i non ligados á transferencias correntes do Goberno e a media de publicacións por profesor son outros dos ítems analizados nos que destaca a institución académica compostelá.
No capítulo correspondente a medir a taxa de éxito nos procesos de ensinanza e aprendizaxe, o caso da USC sitúase no grupo de cabeza das universidades españolas cuxo alumnado que completa programas de posgrao ou mestrado de dous anos de duración remata este período de formación con taxas de éxito máis altas.
O estudo que cada ano publica a Fundación CYD constitúe unha ferramenta útil para comparar a situación das universidades en función de determinadas dimensións ou parámetros: ensinanza e aprendizaxe, investigación, transferencia de coñecemento, orientación internacional e contribución ao desenvolvemento rexional. Alén desta sorte de barómetro universitario, este informe tamén inclúe na súa última edición unha análise sobre a adaptación do sistema universitario español á dixitalización da ensinanza, así como respecto das disciplinas STEM e sobre a evolución da muller na carreira académica.
Respecto das disciplinas STEM, o informe da Fundación CyD cifra no 36% a presenza de mulleres en titulacións do ámbito das enxeñarías, unha porcentaxe sensiblemente inferior á media de alumnas matriculadas en estudos universitarios, dado que representan o 56% do total do estudantado.
A Fundación CyD tamén destaca na última edición do seu estudo a progresiva adaptación das universidades española á dixitalización tras sortear a pandemia derivada da COVID-19. De feito, o ráking CyD cifra no 32% a porcentaxe de aprendizaxe híbrida nos centros universitarios españois, nos que antes de marzo de 2020 esta media apenas era dun 7% e os exames en liña representaban o 4% das probas de avaliación.