A USC será a vindeira semana espazo de encontro do emprendemento da mocidade
A décima edición do Encontro Internacional de Xoves Emprendedores (EIJE) desenvolverase os días 11 e 12 de abril na Facultade de Ciencias da Educación compostelá (Campus Vida). Ao longo das dúas xornadas o alumnado universitario así como egresadas e egresados presentarán nun concurso ideas de negocio en fase temperá e como novidade este ano tamén ideas de negocio en fase madura (proxectos). O prazo de inscrición para participar no concurso ampliouse ata este domingo, 7 de abril.
O seu principal obxectivo é contribuír á formación do alumnado para que adquira competencias e coñecementos relacionados co mundo empresarial así como poder participar no concurso que este ano ten como temática o emprendemento e sustentabilidade, con atención especial ao impacto social e ambiental dos negocios.
Programa
O EIJE inaugurarase o vindeiro xoves 11 ás 15.30 horas nun acto institucional ao que lle seguirá a conferencia de apertura a cargo de Carlota Corzo Álvarez, CEO de Lazzaro. A continuación, terá lugar a mesa redonda ‘Entre empresas do mesmo sector, colaboramos ou competimos?’ na que participarán as asociacións Creativas Galegas e Cosmética de Galicia. A sesión rematará coas presentacións de ideas e proxectos diante do xurado.
A xornada do venres 12 iniciarase cun xogo de emprendemento e continuará coa presentación de empresas de xente nova como Salseo USC – Tarjeta DAZONA, Kameleon Vintage ou TAKE SCQ así como co relato de experiencias de anteriores EIJES.
EIJE
O EIJE iniciouse en 2014 a iniciativa da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC e a Escola Superior de Ciencias Empresariais do Instituto Superior Politécnico de Viana do Castelo (IPVC) coa intención de dinamizar o espírito emprendedor entre o alumnado das universidades da Raia España-Galicia-Portugal. Na edición deste ano participan, ademais da USC e o IPVC, a Escola de Relacións Laborais da Coruña (ERLAC), a Universidade Católica Portuguesa - Centro Regional de Braga, a Universidade de Vigo, os Institutos Politécnicos de Viseu e de Bragança e a Escola Politécnica Superior de Zamora da Universidade de Salamanca.
Por cada universidade participarán arredor de 30 alumnas e alumnos dos estudos de grao e mestrado das institucións de ensinanza superior asociadas do EIJE. O núcleo central do evento son as sesións de presentación en formato pitch que poden realizarse de forma individual ou en equipo. Un xurado profesional proposto por todas as entidades colaboradoras valorará os proxectos presentados para finalmente outorgar catro premios aos máis valorados.