A valoración de varios modelos para a descentralización da docencia dos últimos cursos de Medicina centra a terceira reunión do grupo de traballo

O grupo de traballo sobre a descentralización do Grao en Medicina desenvolveu este xoves 31, no edificio Exeria da Universidade de Vigo, a terceira reunión dende a súa creación. A xuntanza centrouse na valoración de varios modelos para a descentralización da docencia de cuarto, quinto e sexto curso do Grao en Medicina, incluíndo a participación do Persoal Docente e Investigador (PDI) das tres universidades galegas, así como nun calendario para o seu desenvolvemento. Logo da reunión deste xoves, o grupo retomará a súa actividade á volta do verán.
Baixo a coordinación do reitor da UVigo, Manuel Reigosa, participaron no encontro o reitor da USC, Antonio López, e da UDC, Ricardo Cao; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; Carmen Balboa, vicexerenta do Sergas; José Carreira, decano da Facultade de Medicina; José Ramón González Juanatey, xefe do Servizo de Cardioloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago e catedrático da USC; Juan Carlos Vázquez, xefe de Otorrinolaringoloxía do CHUAC e docente na UDC; e Ana Concheiro, xefa do Servizo de Pediatría da Área Sanitaria de Vigo e docente da USC.