‘Verba. Anuario Galego de Filoloxía’ renova a súa condición de revista excelente

Na súa sétima convocatoria, a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) mantén o certificado que distingue a publicación Verba. Anuario Galego de Filoloxía como Revista excelente, reafirmando con este recoñecemento o seu nivel de repercusión, impacto e visibilidade. Esta é a cuarta convocatoria consecutiva que a revista supera con éxito, desde que en 2014 acadou por primeira vez o Selo de Calidade.
Ademais, o Ranking de visibilidade e impacto de revistas científicas españolas de Humanidades e Ciencias Sociais distinguidas co Selo de Calidade FECYT, que ten por finalidade facilitar a valoración das revistas españolas das áreas de Humanidades e Ciencias Sociais por parte da ANECA e doutras axencias nos procesos de avaliación de calidade e acreditación, clasificou en 2020 a revista Verba na posición 24 entre un total de 68 revistas excelentes da categoría Lingüística.
Fundada en 1974 polo profesor Constantino García, a revista marcouse como principal obxectivo difundir estudos filolóxicos feitos en Galicia e coa declarada vocación de lle dedicar unha atención preferente á lingua galega. Actualmente dirixida pola profesora María José Rodríguez Espiñeira e o profesor Francisco Dubert García, a liña principal da revista continúa a ser o das linguas románicas, con especial atención ao español, o galego e o portugués. Acolle traballos de investigación inéditos en determinadas liñas de especialización da lingüística e da filoloxía. Verba. Anuario Galego de Filoloxía é, desde 2012, unha revista en formato exclusivamente dixital, accesible no Portal Dixital de Revistas da USC.