O VI Concurso de TFG Enxeñaría e Muller Rural distingue un paso de fauna sobre a N-VI en Guitiriz e un estudo do arboredo
O Concurso de Traballos de Fin de Grao Enxeñaría e Muller Rural, unha iniciativa promovida pola Comisión de Igualdade de Xénero da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC co obxectivo de facer visible o labor que desenvolven as mulleres no ámbito das enxeñarías, ademais de premiar aqueles proxectos ou estudos que contribúan a mellorar o grao de benestar das mulleres e, por extensión, de todas as persoas que viven no medio rural, distingue na súa sexta edición o proxecto dun paso de fauna sobre a N-VI en Guitiriz, presentado por Carmen Freire Balea, e un estudo sobre a evolución da cuberta arbórea no Norte de España que emprega sistemas de información xeográfica, realizado por Nerea Romero Díaz.
Os integrantes xurado encargado de fallar estes galardóns, un tribunal integrado por Dolores Fernández Rodríguez, Ana Isabel García Arias, Mar Pérez Fra e Benigno Ruiz Nogueiras, docentes na EPS de Enxeñaría que tamén forman parte da comisión de igualdade de xénero do centro universitario lugués, salientaron no seu fallo a elevada calidade académica dos TFGs distinguidos, cuxas autoras reciben cadansúa gratificación en metálico de 200 euros.
O proxecto dun paso de fauna silvestre no punto quilométrico 533 da N-VI no concello de Guitiriz elaborado por Carmen Freire Balea constitúe unha idea innovadora dentro das temáticas habituais en Enxeñaría Civil, segundo subliña o xurado deste certame, que tamén valorou a alta calidade da memoria, así como a posibilidade real de acometer unha actuación que permitiría reducir a sinistralidade relacionada coa presenza de animais salvaxes nunha estrada.
O estudo realizado pola graduada en Enxeñaría en Xeomática e Topografía Nerea Romero Díaz sobre a evolución da área aborada no Norte de España na segunda metade do século XX mereceu tamén o favor do xurado pola súa calidade académica e científica, pero tamén pola innovación que supón o emprego de Sistemas de Información Xeográfica para a elaboración deste tipo de análises, así como pola posta en valor e a optimización da información dispoñible en repositorios públicos.
As dúas enxeñeiras tituladas na EPS de Enxeñaría do Campus Terra da USC recolleron este martes os diplomas acreditativos e as gratificacións en metálico acadadas no VI Concurso de TFG Enxeñaría e Muller Rural no marco do acto institucional organizado no centro universitario lugués polo Día Internacional da Muller Traballadora.
A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, presidiu esta sesión, na que tamén participaron a presidenta da Comisión de Igualdade de Xénero da EPS de Enxeñaría, Dolores Fernández; así como a tenente de alcaldesa do Concello de Lugo, Ana González Abelleira; a xefa territorial da Consellería de Medio Rural en Lugo, Olga Iglesias Fontal, e a deputada provincial delegada da área de Muller e Igualdade, María Loureiro. Alén das intervencións das autoridades presentes, a enxeñeira de Montes formada na EPS de Enxeñaría da USC Raquel Zolle ofreceu o relatorio ‘O papel da muller enxeñeira na cooperación internacional.
Os actos conmemorativos do Día Internacional da Muller Traballardora continuarán este mércores na EPSE coa clausura da exposición ‘A muller e a nena na enxeñaría e na ciencia’. Logo deste breve acto, a catedrática de Química Inorgánica Isabel Fernández García ofrecerá, ás 12.30 horas, no salón de actos do centro, unha charla sobre a primeira muller enxeñeira de Montes de Galicia, a luguesa María Teresa Villarino Valdivieso.