Ir o contido principal

Viaqua estimulará a formación de titulados do Máster Universitario en Enxeñaría Ambiental da USC

O reitor Antonio López e Marcos Martín en representación de Viaqua asinan o convenio. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López e Marcos Martín en representación de Viaqua asinan o convenio. FOTO: Santi Alvite
O convenio asinado este martes entre a institución compostelá e a empresa dedicada ao ciclo integral da auga contempla o financiamento de actividades docentes, bolsas para o alumnado ou un premio anual ao mellor TFM, entre outras accións
Santiago de Compostela

Coa intención de poñer en marcha un conxunto de accións e iniciativas encamiñadas á promoción e ao impulso da xestión e tratamento de augas no ámbito docente e de investigación universitaria, a USC asinou este martes un convenio de colaboración coa empresa dedicada ao ciclo integral da auga Viaqua. Esta compañía estimulará a formación de titulados do Máster Universitario en Enxeñaría Ambiental, mediante o subministro de equipamento docente ou o financiamento de actividades como prácticas de campo ou visitas de relatores externos, entre outras.

Viaqua prestará asesoramento, a requirimento da USC, na definición de contidos formativos, tecnoloxías, habilidades e competencias que estima de maior interese para os profesionais do sector da Enxeñaría Ambiental, de cara á súa posible inclusión na oferta formativa de grao e máster para os estudantes da Universidade. Realizar ofertas de prácticas para estudantes dos últimos cursos das titulacións que imparta a USC no ámbito da Xestión e Tratamento de Augas é outra das accións contempladas no documento asinado este martes, alén de promover a execución de proxectos e programas de investigación e desenvolvemento, a realizar entre grupos de ambas as dúas entidades.

Premio ao mellor TFM

Co fin de estimular a formación dos titulados no Máster Universitario en Enxeñaría Ambiental, Viaqua outorgará un premio anual ao mellor Traballo Fin de Máster (TFM) dotado con 300 euros. O TFM premiado será seleccionado de entre os presentados en cada curso académico e directamente relacionado con algunha das liñas estratéxicas de negocio da empresa. A USC, a través da Escola Técnica Superior de Enxeñaría e a coordinación do mestrado, realizará a convocatoria anual dos premios de acordo con Viaqua.

Bolsas

Co fin de axudar economicamente aos estudantes de primeiro ano de mestrado, Viaqua financiará un programa de catro bolsas dotando, cada una delas, con 250 euros. Os candidatos serán seleccionados a partir dunha convocatoria que se fará pública cada ano dende a coordinación do Máster previo acordo coa empresa. En función do establecido nas bases, os participantes terán que presentar un traballo en formato libre sobre un tema que terá relación coa xestión e tratamento de augas. Unha comisión representativa das dúas entidades seleccionará os estudantes beneficiarios das bolsas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.05.2021.