Ir o contido principal

A Vicerreitoría de Cultura inaugura a exposición 'Vinte e catro anos de Andaina' na Facultade de Veterinaria

A Vicerreitoría de Cultura da USC inaugura este xoves, día 8, na Facultade de Veterinaria de Lugo a exposición ‘Vinte e catro anos de Andaina’na que se recollen máis de 40 cubertas da revista feminista. Esta é unhas das actividades organizadas pola Universidade de Santiago para o Campus co gallo do Día da Muller Traballadora, que se estenderán ata finais de mes.
Nas portadas de Andaina, que a partir do seu undécimo número son deseñadas por Uqui Permui, podemos atopar imaxes feitas con diferentes técnicas que dan en fotos realistas, creacións máis abstractas ou primeiros planos. Esta publicación comezou a súa renumeración, tras cambios internos en 1991, polo que aínda que se atopen portadas igual numeradas en realidade corresponden no tempo a momentos diferentes. A mostra poderá visitarse na Sala Isaac Díaz Pardo en horario de 9:00 a 21:00 horas ata o día 20 deste mes.
Andaina

A revista Andaina xurdiu no ano 1983 no marco da Asociación Galega da Muller, dende onde se pensaba na publicación como importante mecanismo de divulgación de ideas e denuncia social. O seu obxectivo é dar importancia ao pensamento a través de debates do feminismo, denuncias de discriminación e o intercambio de experiencias, tratando temas de actualidade, ciencias e investigación, entre outros. Os seus artigos son de ámbito galego e van dirixidos a un público mixto que se interesa pola temática feminista. Entre o gran número de colaboradores, tanto estables coma esporádicos, atópanse persoas moi coñecidas da vida cultural, social e científica galega.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.03.2007.