Ir o contido principal

Vinte deportistas da USC participan este sábado na primeira proba da XVI Liga Galega de Orientación en Forgoselo

A primeira proba da XVI Liga Galega de Orientación celebrarase este sábado, día 27, na serra coruñesa de Forgoselo (A Capela) organizada polo clube APA Liceo de A Coruña. Esta primeira proba da competición, dun total de dez espalladas por toda a xeografía galega, transcorrerá nun marco idóneo para a práctica da orientación debido á grande dificultade técnica que presenta o terreo, facendo así imprescindibles o correcto manexo do compás e a boa lectura do mapa para que cada corredor obteña un bo resultado. Do CDU- Deportes participarán preto de vinte deportistas.
O CDU-Amancio Deportes comeza así unha nova tempada co ánimo de mellorar os resultados acadados en 2006 (3º posto por clubes na liga galega e campión galego de relevos por clubes) e continuar aumentando o número de persoas que practiquen esta especialidade deportiva, en auxe durante os últimos anos, ben de xeito competitivo ou ben como unha actividade de lecer.
A esta proba o CDU-Amancio Deportes desprazará unha vintena de deportistas que buscarán os primeiros puntos para o ránking individual nas respectivas categorías e para a clasificación por clubes. A expedición irá encabezada polos corredores de H-Elite Nacho Sordo, Javi Zunzunegui e Xavier Viana; e de D-Elite Maribel Fraga, Pilar Veiga e Raquel Campos.
As probas de orientación posibilitan aos participantes escoller entre percorridos de diferente dificultade, dende unha competición da máxima exixencia física e coñecemento técnico ata unha simple actividade lúdica no medio natural.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.01.2007.