Volven as Nerd Nites coa ollada posta na mecánica cuántica
As Nerd Nites, conversas divulgativas nas que especialistas de diferentes ámbitos falan nun ton distendido e fóra do ámbito académico das disciplinas que os apaixonan, regresan o 13 de novembro coa ollada posta na mecánica cuántica. A primeira sesión deste curso desenvolverase, ás 20.30 horas, na Nave de Vidán e enmárcase nos actos que integran a Semana da Ciencia do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia.
A sesión do xoves 13 servirá para achegarse á cuántica deste diversas perspectivas, como os reloxos cuánticos, a supercondutividade ou a influencia dos raios cósmicos na computación cuántica, da man, respectivamente, de Angel Paredes Galán, catedrático de Física Aplicada da Universidade de Vigo; Jesús Mosqueira Rey, catedrático de Física da Materia Condensada da USC; e Carolina Filgueira Rama, investigadora do IGFAE.
Con este programa a Nerd Nite súmase á conmemoración, neste 2025, do Ano Internacional da Ciencia e a Tecnoloxía Cuánticas, coincidindo co centenario da publicación, en 1925, dalgúns dos artigos que sentaron as bases da mecánica cuántica, coa conseguinte revolución da nosa comprensión do mundo natural.
As Nerd Nites comenzaron a ter lugar en Boston en 2003 e, na actualidade, celébranse en máis de 100 cidades de todo o mundo. A idea é reunir a tres ou catro nerds nun local de lecer nocturno para falar durante 15 minutos cada un sobre temas científicos baixo un enfoque divertido, para logo abrir un coloquio aberto e distendido. Compostela foi a primeira cidade española en adherirse ao programa. No caso de Santiago, o boss-coordinador é o catedrático da USC e divulgador científico, Jorge Mira Pérez.