Xa é posible matricularse nas sesións de conversas en inglés e francés no Centro de Linguas Modernas da USC
O Centro de Linguas Modernas da USC (CLM) ten aberto na actualidade o período de inscrición nas sesións de conversa en inglés e nas de francés para o primeiro semestre deste curso 2024/25. Toda a información está na páxina dedicada a cada un destes dous idiomas e concretamente no apartado de cursos e conversas. A matrícula realizarase na web do CLM e o prazo para inscribirse remata o luns 21 de outubro; as sesións deste semestre desenvolveranse en liña a través de videoconferencia desde esa data ata o venres 20 de decembro.
As conversas son sesións centradas na práctica da expresión e a interacción oral; nelas afiánzanse estruturas lingüísticas, repásase vocabulario, mellórase a pronuncia e gáñase en fluidez. Nelas participa profesorado especializado do CLM e un máximo de catro persoas en cada sesión en liña. A matrícula faise por períodos de 10 horas e as conversas duran 40 ou 60 minutos por sesión segundo o idioma, ata esgotar as 10 horas.
Diríxense estas conversas ao persoal e ao estudantado da USC, aínda que tamén están abertas a calquera persoa maior de 18 anos interesada que non forme parte da comunidade universitaria. Ofrécense conversas de niveis intermedio e avanzado e as competencias orais que se traballarán corresponden aos niveis B1, B2 e C1 do Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas (MECRL).
Non terán que realizar un test de nivel previo estudantes que xa teñan matrícula nun curso do mesmo idioma no CLM. Nos restantes casos, é preciso realizar un test de nivel previo á matrícula, que será presencial e/ou en liña.