A segunda xeira CLARIAH-GAL desenvolverase en Filoloxía a comezos de maio

Dar a coñecer as infraestruturas europeas de investigación CLARIN e DARIAH e pór en contacto proxectos e grupos galegos que traballen no ámbito das Humanidades Dixitais e das tecnoloxías lingüísticas aplicadas á investigación en Humanidades e Ciencias Sociais é o propósito da II Xeira CLARIAH-GAL que, organizada polo Instituto da Lingua Galega e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC, terá lugar o 9 de maio na Facultade de Filoloxía.
Ademais de conferencias e comunicacións por convite, presentaranse tamén pósters de proxectos relacionados coas Artes, Ciencias Sociais e Humanidades Dixitais que se estean levando a cabo en Galicia ou por grupos de investigación galegos. As persoas interesadas en presentar un póster do seu proxecto, liña de investigación, recurso ou grupo de investigación nesta xeira, deben enviar un resumo ata o 31 de marzo a ilgsec [at] usc.gal (ilgsec[at]usc[dot]gal).
O nodo galego
CLARIAH-GAL é o nodo galego de CLARIAH-ES, infraestrutura de investigación dixital distribuída constituída por un grupo multidisciplinar de expertos de dez institucións españolas de investigación. A súa misión é coordinar a participación de España nos Consorcios Europeos de Infraestruturas de Investigación CLARIN e DARIAH, facilitar o avance da investigación española en humanidades, artes e ciencias sociais e promover o posicionamento estratéxico en proxectos e programas internacionais, principalmente no contexto do Espazo Europeo de Investigación.