O saber xerado polo Seminario de Estudos Galegos acende a reflexión nas aulas da USC nunha nova vaga de Faíscas Culturais

A mostra divulgativa ‘Saber de Nós. Unha ollada ao centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos’ chega este xoves 5 de outubro á Facultade de Química e alí permanecerá ata o día 15 deste mes. Esta exposición itinerante que tamén pasará polas facultades de Dereito, Filoloxía, Xeografía e Historia, Ciencias Económicas e Empresariais, Formación do Profesorado, Veterinaria e a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) servirá de contexto para a primeira vaga de Faíscas Culturais coas que este outono a USC quere prender a reflexión cultural e complementar a formación do estudantado a través de intervencións e actividades nas aulas que se sitúen na intersección entre o coñecemento académico e a expresión artística.
Coincidindo coa presenza da mostra comisariada polo catedrático da USC Henrique Monteagudo no centro, Química acollerá a primeira das Faíscas deste curso baixo o título ‘Os científicos no Seminario de Estudos Galegos: investigación e país’. A intervención correrá a cargo de Xoana Pintos e terá lugar o vindeiro 11 de outubro, ás 13.00 horas, na Aula Magna do centro.
As faíscas son partículas que se desprenden dun corpo que arde. A partir deste concepto, a USC lanzou o pasado curso un novo proxecto artístico-pedagóxico co que se logrou que o “lume” das manifestacións culturais e artísticas saltase ata as aulas universitarias e prendese a través da reflexión no alumnado inseríndose no seu currículo académico. As Faíscas pretenden conectar o que a USC realiza no eido cultural e artístico co que se está estudando nas aulas e forman parte da programación do Outono Cultural integrado por un amplo e diverso abano de actividades no que música, teatro, danza, exposicións, faladoiros, cursos ou propostas audiovisuais danse a man.
Programa
A mostra irá viaxando de centro en centro e durante a súa vixencia enmarcarase cada unha das Faíscas culturais. Así, o alumnado da Facultade de Dereito realizará o 27 de outubro unha posta en escena baixo o lema ‘Nove estudantes. O SEG na Facultade de Dereito’. A Faísca da Facultade de Filoloxía terá lugar o 9 de novembro e consistirá nunha mesa redonda na que Alejandra Ulla, Elias Torres, Henrique Monteagudo e Dolores Vilavedra abordarán o SEG, a filoloxía e as letras galegas e a relación con Portugal. ‘As Cruces de Pedra na Galiza e o estilo galego de Castelao’ é o título da aula aberta coordinada por José M. López Vázquez, intervención que a Facultade de Xeografía e Historia acollerá o 20 de novembro. Ciencias Económicas e Empresariais será o escenario da Faísca que leva por título ‘O mundo dos Felices Anos Vinte. Unha perspectiva dende Galiza’, aula aberta con Adrián Dios e Xoán Carmona, que terá lugar o 29 de novembro.
Xa no Campus de Lugo, a primeira das Faíscas terá lugar o 20 de outubro na Facultade de Formación do Profesorado e nela Antón Costa profundará nos esforzos do SEG por galeguizar as escolas e anovar o ensino. Baixo o lema ‘O Seminario de Estudos Galegos: o territorio e o patrimonio natural de Galicia’, Francisco Sineiro, Eduardo Corbelle e Pablo Ramil impartirán unha aula aberta na EPS de Enxeñaría o vindeiro 22 de novembro. Finalmente, Veterinaria acollerá o 29 de novembro a intervención de Rith Bermúdez Rodríguez, quen afondará no rol do SEG no estudo do papel das razas autóctonas de Galicia. Os horarios e localizacións das diferentes actividades xa poden consultarse na páxina web das Faíscas Culturais.
Ademais, tamén está prevista en vindeiras datas unha segunda vaga de Faíscas baixo o lema ‘Un rastro de furia e algas, unha reflexión sobre o clima e o futuro do noso planeta’ na que artistas emerxentes levarán o seu proceso creativo ás aulas da Escola Técnica Superior de Enxeñaría e ás facultades de Farmacia, Bioloxía, Psicoloxía e Ciencias da Educación. O punto de partida desta segunda vaga será unha mostra que se desenvolverá no Colexio de Fonseca co respecto polo medio ambiente como pano de fondo.
