Ir o contido principal

A xestión activa e a flexibilidade legal, claves para a valorización das masas forestais de frondosas autóctonas

Troncos de árbores, nun serradoiro
Troncos de árbores, nun serradoiro
Un foro técnico promovido polo grupo PROePLA da USC e a Consellería de Medio Rural aborda na EPS de Enxeñaría as “oportunidades” que agochan as masas de frondosas e debate sobre iniciativas a prol dun aproveitamento óptimo e sustentable
Lugo

As frondosas autóctonas de Galicia agochan un gran potencial económico, social e ambiental, ao tempo que constitúen unha grande oportunidade a medio prazo para o desenvolvemento e a revitalización do sector forestal, tal e como se puxo de manifesto no marco da xornada ‘Valorización de Frondosas Autóctonas’, un foro técnico e de transferencia promovido polo grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) da USC xunto coa Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia que congregou preto de medio centenar de investigadores e profesionais do sector na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra.

A superficie forestal ocupada por frondosas en Galicia supera as 400.000 hectáreas, polo que existe unha materia prima que na actualidade carece dunha xestión acaída para a súa óptima valorización en termos ambientais, pero tamén económicos, sociais e como recurso xerador de emprego e riqueza, sinala o coordinador de PROePLA, Manuel Marey.

O tamén catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC apuntou que as xornadas celebradas na EPS de Enxeñaría permitiron facer visible o potencial socioeconómico que agochan as frondosas en Galicia, unha aspiración que xa fan realidade algunhas iniciativas empresariais, como o son o serradoiro Maderbar, con sede en Baralla e especializado en toneis, ou o obradoiro de instrumentos musicais Xaneco, radicado en Outeiro de Rei.

“Estas dúas empresas simbolizan dúas formas diferentes de aproveitamento socioeconómico das masas de frondosas galegas”, precisa Marey, quen engade que, tal e como se puxo de manifesto no marco deste foro técnico, o volume de negocio arredor destas masas forestais crecería de xeito salientable de existir unha xestión activa dos recursos xa existentes e unha lexislación máis flexible.

O coordinador de PROePLA defende a pertinencia, cando non a necesidade, de xestionar as masas de frondosas incluso dentro de áreas tipificadas de Rede Natura, tal e como ocorre en Francia. De non sortear estas limitacións normativas e a exclusividade da perspectiva ambiental, apunta Marey, as actuais plantacións de frondosas serán substituídas progresivamente por masas de coníferas, tales como o piñeiro ou o eucalipto, ou deixarán paso a terreos ocupados por matogueiras.

A xornada ‘Valorización de frondosas autóctonas’, na que participaron como relatores técnicos forestais da Junta de Castela e León, da Axencia da Industria Forestal Galega (Xera) e do CIS-Madeira, ademais de representantes da Asociación para a Valorización das Frondosas en Galicia (A Monte), gabinetes de arquitectura, sociedades cooperativas ou, entre outros,  subdirector Xeral de Recursos Forestais da Consellaría de Medio Rural, serviu, segundo subliña o catedrático da USC na EPS de Enxeñaría do Campus Terra, para reflexionar e poñer o foco sobre as múltiples potencialidades que deparan as frondosas do conxunto do sector forestal.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.11.2021.