Os Xogos Autonómicos de Atletismo para persoas con discapacidade intelectual reunirán preto de 300 persoas

A edición número 23 dos Xogos Autonómicos de Atletismo para persoas con discapacidade intelectual desenvolverase na pista do Estadio de Atletismo da USC este sábado 18. A vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias; o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico; a concelleira de Deportes, Esther Pedrosa; e Eladio Fernández, presidente da asociación ‘Special Olympics Galicia’; xunto con representantes e deportistas da Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPAS), presentaron os detalles desta competición na que se agarda a participación de 14 entidades que desprazarán a un total de 192 deportistas con discapacidade intelectual e 48 adestradores.
Xunto co grupo de persoas voluntarias de ‘Special Olympics Galicia’, asociación dedicada á promoción das persoas con discapacidade intelectual a través do deporte e do ocio, Compostela acollerá preto de 300 persoas “dispostas a celebrar unha xornada de inclusión e deporte limpo”, explicaron dende a organización. O acto inaugural botará a andar ás 10.45 horas do sábado 18 e estará presidido polo reitor Antonio López.
Probas
Os xogos seguirán as regras básicas dos eventos deportivos organizados por ‘Special Olympics’ establecéndose diferentes niveis de participación en función dos coñecementos que os e as deportistas teñen das regras así como das súas capacidades físicas. Os e as atletas competirán nas probas de velocidade, medio fondo, fondo, salto de lonxitude, salto de altura, lanzamento de peso, marcha, marcha asistida, ou lanzamento de bola (softball), entre outras.
Durante o transcurso das actividades, os e as deportistas terán a oportunidade de votar a aquela entidade cuxos deportistas destaquen pola súa deportividade durante a xornada. A entidade máis valorada recibirá o Premio ás Boas Prácticas de Special Olympics Galicia.