Ir o contido principal

Unhas xornadas analizarán en Lugo a problemática e a prevención do acoso no traballo

Unha vintena de expertos participarán neste encontro organizado pola Escola de Relacións Laborais e o ISSGA

O acoso laboral, nas diferentes perspectivas, e a súa prevención serán os temas tratados nas xornadas que este luns 12 comezan na Escola Universitaria de Relacións Laborais de Lugo.
Este encontro, que se desenvolverá os días 12, 13 e 14 no Salón de Actos do centro universitario, contará coa participación de representantes de diferentes empresas, sindicatos e órganos de xustiza, que impartirán un total de once relatorios. Ademais, haberá unha mesa redonda coa participación dun traballador que sufriu en primeira persoa acoso no traballo.
A inauguración das xornadas, organizadas pola Escola de Relacións Laborais en colaboración do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), será ás 9:30 horas do luns e contará coa presenza da directora da escola, Mercedes Montes, e da directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja.
O programaTrala inauguración do encontro, farase unha introdución ao problema do acoso laboral. A directora de Extend Recursos Humanos, Alejandra Mosteiro, e o consultor José Núñez analizarán as accións que poden ser consideradas acoso laboral ou ‘mobbing’ así como a habitual evolución deste tipo de situacións.
O xefe de organización e desenvolvemento de Repsol Petróleo A Coruña, José Ortuño, falará sobre o falso ‘mobbing’; o avogado Victoriano Salvadores abordará a situación á que se enfronta o demandante e a dificultade para obter probas do acoso; e o xefe da Inspección de Traballo en Lugo, Nicolás González, explicará as actuacións que leva a cabo este organismo.
A xornada do martes 13 centrarase na perspectiva xurídica e na prevención do acoso. A profesora de Dereito do Traballo e Seguridade Social da USC, Yolanda Maneiro, explicará como se aborda esta problemática na lexislación española e comunitaria, e o maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Emilio Fernández, referirase á actuación dos tribunais neste eido. Ademais, un traballador que sufriu en primeira persoa unha situación de acoso no traballo relatará a súa experiencia nunha mesa redonda na que tamén participarán representantes sindicais.
No tocante á prevención do acoso laboral, o psicólogo Carlos Montes e o responsable de recursos humanos do SERGAS Antonio Fernández, falarán da protección a nivel individual e de organización, respectivamente. María Xesús Copa, do ISSGA, tratará o papel das autoridades públicas ante os casos de acoso.
As xornadas rematarán o mércores 14 cun debate a través da rede e coa presentación das conclusións do encontro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.04.2010.