As xornadas CRAI analizarán en Santiago os procesos de avaliación e acreditación das competencias informáticas e informacionais
As xornadas CRAI, dedicadas a difundir o concepto de Centro de Recursos para a Aprendizaxe e a Investigación, van analizar en Santiago de Compostela este xoves 16 e o venres 17 os procesos de avaliación e acreditación das competencias informáticas e informacionais. Esta é unha iniciativa que por cuarto ano consecutivo organizan dúas sectoriais da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE), a Rede de Bibliotecas Universitarias Españolas (REBIUN) e a de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CRUE/TIC). A inauguración oficial das xornadas celebrarase a partir das 9:30 horas nun acto que vai presidir o reitor da USC, Juan Casares, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago. A quenda de intervencións comezará de inmediato coa presenza do vicerreitor da Universidade de Alacante Faraón Lloréns e da vicexerenta da Área de Recursos de Información da Universidade Pompeu Fabra, Mercé Cabo, para falar sobre ‘CI2 na universidade’. Seguiralle o coordinador de Avaliacións de ensinanzas e institucións da ANECA, Laureano González, que pronunciará o relatorio ‘A acreditación de competencias instrumentais nos títulos de grao e posgrao’ (incluíndo a acreditación das competencias informacionais e informáticas –CI2-). A partir das 11:30 horas, Antonio José Redondo de CertiUni (http://certiuni.org) referirase a esta ferramenta da CRUE para a análise de competencias transversais no Espazo Europeo de Educación Superior. A continuación abrirase unha quenda na que se abordarán a acreditación de competencias informáticas, da man de dous relatorios que impartiran Joan Navarro, da Asociación de Técnicos de Informática, Pere Lluís Barbará, responsable de ECDL en España, e Ricard Faura, xefe do Servizo de Sociedade do Coñecemento da Generalitat de Cataluña. Xa pola tarde, a partir das 15:30 horas, os profesores Eduardo García Jiménez e Miguel Ángel Marzal presentarán as súas respectivas reflexión arredor da avaliación e a acreditación das competencias informacionais e informáticas CI2 En países como Estados Unidos ou Australia, a integración destas competencias nos planos de estudos está establecida na política nacional de educación e en Europa son múltiples os países que incorporan estas competencias nos planos docentes: Francia, Gran Bretaña ou Finlandia, entre outros. No caso concreto de España xa existen exemplos de integración, polo que o tema central do encontro será precisamente cómo acreditalas e avalialas. Destacados expertos en cuestións de avaliación, así como representantes de distintas axencias acreditadoras serán os encargados de impartir das distintas sesións do encontro no que tamén terán cabida a presentación de boas prácticas neste eido. As xornadas diríxense a toda a comunidade universitaria aínda que de maneira especial a aquelas persoas que se dedican á planificación e ordenación dos estudos, aos responsables académicos e técnicos dos servizos universitarios, aos profesionais que traballan nos servizos informáticos e de biblioteca, así como a todas as persoas que desenvolven o seu labor no ámbito dos servizos de apoio á aprendizaxe, a docencia e a investigación.
Toda a información de interese sobre o evento está dispoñible na páxina web http://www.usc.es/es/congresos/crai ademais das canles de twitter @CRAI2011 e Facebook http://www.facebook.com/JornadasCRAI2011 onde se actualizarán as últimas novidades e se engadirá todo tipo de información de utilidade.