Unhas xornadas exploran vías para a explotación da aplicabilidade social das investigacións

A Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE), xunto coa incubadora de empresas da USC, Uninova, celebran este luns 21 na Escola Técnica Superior de Enxeñaría as xornadas ‘ Valorización de Resultados de Investigación: Proof of Concept’, coa participación de expertos en transferencia de resultados de universidades españolas e de Harvard e Oxford. O reitor Juan Casares inaugurou o encontro nun acto no que o acompañaban o director da Axencia Galega de Innovación, Ricardo Capilla, e o director da AVTE, José Luis Villaverde. As xornadas, como indicou Villaverde, revisten importancia non só pola temática abordada senón tamén polo conxunto de universidades participantes implicadas no seu desenvolvemento, todas elas comprometidas coa transferencia de coñecemento e o emprendemento, nalgún caso con carácter pioneiro. Pola súa banda, Ricardo Capilla subliñou o papel da valorización de resultados no momento actual, “no que tanto necesitamos converter coñecemento en competitividade e crecemento”, en resumen, poñer en valor o coñecemento. Pechando a sesión inaugural, o reitor puxo a énfase no necesario labor que as universidades desenvolveron e seguen a desenvolver como motores de crecemento e cambio a través da innovación, a investigación e a necesaria transferencia destes resultados de volta á sociedade. Casares aposta porque o traballo investigador se vincule de xeito estreito á calidade, como “elemento esencial na valorización dos resultados e como garante do desenvolvemento futuro”. No encontro preséntanse un abano de iniciativas orientadas a madurar resultados do traballo investigador (coñecidos como ‘Proof of Concept’) co obxecto de facilitar o seu traslado ao contorno social e empresarial en forma de aplicacións concretas. A idea que subxace, explica o director da AVTE, José Luis Villaverde, é que ademais da dimensión académica e educativa dos resultados de investigación, estes “posúen tamén un valor engadido en termos de repercusión económica e social, o que significaría visualizar o traballo de laboratorio e o coñecemento nel xerado en forma de progreso tanxible cuantitativa e cualitativamente”. Estas xornadas, de carácter gratuíto, son de interese para todos os investigadores e investigadoras da USC que están a obter resultados investigadores de calidade e polo tanto publicacións científicas ás que ademais do seu valor académico se lles procure agora un valor comercial ou social. O desenvolvemento do programa permitiralle coñecer de primeira man a experiencia que neste eido están a desenvolverse nas universidades de Harvard e Oxford, institucións que se atopan entre as dez primeiras do mundo en calidade da súa investigación. Representando a estas universidades intervirán Curtis T. Keith (Harvard) e Andrea Alunni (Oxford). Para alcanzar os seus obxectivos, o programa agrúpase arredor de tres bloques temáticos como son experiencias internacionais, o caso das universidades españolas e a relación entre fundacións e a maduración dos resultados. Acelerador de transferencia A USC está a traballar no deseño e lanzamento dun programa propio de maduración dos resultados de investigación dos seus grupos. É unha iniciativa asentada noutros países do contorno europeo que a modo dun “acelerador de transferencia” busca potenciar o valor da investigación en termos de aplicabilidade. Neste senso, as orientación recibidas na xornada que este luns se celebra na ETSE servirán para perfeccionar o seu desenvolvemento. Incorporada no seu proxecto de Campus de Excelencia Internacional, Campus Vida, esta é unha acción destinada a financiar proxectos que avancen na demostración do potencial comercial e utilidade dos resultados da investigación, posibilitando a captación de inversores e desenvolvedores que completen o proceso de transferencia. Deste xeito, a institución académica trata de ofrecer ferramentas que favorezan a transformación en impacto económico e social dos resultados da investigación desenvolvida nos laboratorios. Algunhas das experiencias que se presentan nesta xornadas, serviron de inspiración e referencia para o deseño e implementación deste novo programa na USC. A pretensión agora é compartir esta información con outros potenciais interesados/as para que poida constituír o punto de partida de novas iniciativas que contribúan a mellorar os procesos de transferencia de coñecemento.