Ir o contido principal

Unhas xornadas mostrarán experiencias internacionais na valorización de resultados de investigación

A Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) en colaboración coa incubadora de empresas da USC, Uninova, organizan unha xornada sobre ‘Valorización de Resultados de Investigación: Fondos Proof of Concept’. Na xornada presentaranse un abano de iniciativas orientadas a madurar resultados derivados do traballo investigador (coñecidos como fondos ‘proof of concept’) co obxecto de facilitar a súa transferencia. A USC incorporou no seu proxecto de Campus de Excelencia Internacional, Campus Vida, unha acción destinada a financiar proxectos que avancen na demostración do potencial comercial e utilidade dos resultados da investigación, posibilitando a captación de inversores e desenvolvedores que completen o proceso de transferencia. Deste xeito, a institución académica trata de ofrecer ferramentas que favorezan a transformación en impacto económico e social dos resultados da investigación desenvolvida nos laboratorios. Algunhas das experiencias que se presentarán nesta xornadas, serviron de inspiración e referencia para o deseño e implementación deste novo programa na USC. A pretensión agora é compartir esta información con outros potenciais interesados/as para que poida constituír o punto de partida de novas iniciativas que contribúan a mellorar os procesos de transferencia de coñecemento. O programa diríxese a responsables e técnicos de transferencia, persoal investigador interesado en procesos de transferencia, responsables de políticas de transferencia e valorización e, en xeral, profesionais preocupado pola maduración de resultados de investigación. O encontro celebrarase no Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago o día 21 de maio. Nesta xornada intervirán representantes das universidades de Harvard, Barcelona, Jaume I, de Isis Innovation, así como das fundacións Botín e Barrié de la Maza. As súas intervencións estarán agrupadas arredor de tres bloques temáticos como son experiencias internacionais, o caso das universidades españolas e a relación entre fundacións e a maduración dos resultados. Máis información en http://imaisd.usc.es/ftp/oit/eventos/xornada_valorizacion_2012%29.pdf.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.05.2012.